Patrimonio insta o Concello a que retire do Camiño as letras de Sarria

Asegura que carecen de autorización e sopesa abrir un expediente sancionador. O Concello presenta alegacións

Letras con el nombre de Sarria colocadas en la Rúa do Castelo. AEP
photo_camera Letras co nome de Sarria colocadas na Rúa do Castelo. AEP

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural insta o Concello de Sarria a que retire as letras que instalou xunto ao Camiño de Santiago co nome do municipio por carecer de autorización. O servizo de vixilancia e inspección deste organismo tramita un expediente informativo en relación á estrutura, colocada polo Concello en xaneiro na Rúa do Castelo, a pé do Camiño Francés e xunto á igrexa románica de San Salvador e a Fortaleza.

Segundo recorda, a Lei do Patrimonio Cultural contempla como infracción grave (con sancións de entre 6.001 e 150.000 euros) calquera intervención no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago que se realice sen permiso previo da Consellería de Cultura. En base a iso, Patrimonio insta o Concello a retirar as letras e abre un prazo de alegacións "co fin de acadar todas as probas que se xulguen convenientes para determinar a procedencia de apertura do procedemento sancionador por presunta infracción en materia de protección do patrimonio cultural".

A alcaldesa, Pilar López, sinalou que o Concello xa alegou. Segundo a súa versión, a estrutura ornamental, que estaba destinada a colocarse no cruzamento da Avenida, fora autorizada por Patrimonio. Ao cambiar de localización, o Concello comunicoullo e, tras non recibir resposta, entendeu que estaba correcto, argumentou a rexedora. O goberno sopesa agora se retirar xa as letras ou esperar á resolución das alegacións.

O plan inicial era instalar esta decoración, adquirida cunha axuda da Mancomunidade do Camiño Francés, nun solar da Avenida, para o que en setembro o Concello construíu unha base, que retirou ao día seguinte tras un escrito do administrador concursal da empresa propietaria pedindo a paralización por non dar permiso.

Comentarios