Patrimonio cataloga un novo castro en Láncara

O xacemento foi descuberto cerca do núcleo de Vilarello de Abaixo
Vista de la muralla y el foso del nuevo castro en Láncara. EP
photo_camera Vista da muralla e o foso do novo castro en Láncara. EP

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta catalogou un novo castro próximo ao núcleo de Vilarello de Abaixo, na parroquia lancaresa de Vilarello. Conserva as murallas, con máis de catro metros nalgún tramo, e o foso que o rodea, doutros catro metros de ancho.

Esta clasificación significa que a partir deste momento "goza de protección", como indica o portavoz do colectivo Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, quen o descubriu a finais de maio. Logo de ser catalogado, calquera que desexe realizar algunha modificación no terreo circundante ten que solicitalo "previamente á Xunta", asegura.

Os restos achados do xacemento atópanse a uns 510 metros sobre o nivel do mar, no medio dunha carballeira. Forman un círculo "case perfecto", duns 90 metros de diámetro, e están emprazados sobre un terraplén pronunciado, explica o investigador. Entre as infraestruturas conservadas atópanse unha muralla exterior, outra interior e un foso que as rodea.

Os castros sufriron modificacións ao longo do tempo, en ocasións debido ás plantacións de eucalipto e piñeiros que "fan verdadeiros estragos". Isto dificulta o labor de documentación. Con todo, "o lugar no que se atopou o castro de Vilarello non se encontra traballado", polo que "nos estrañou que non estivese catalogado", apunta Moure.

Preto da zona, a uns 500 metros, está emprazada unha necrópole megalítica formada por cinco túmulos. Con este novo castro xa son catro os catalogados na mesma parroquia de Vilarello. Son A Poza Grande, A Penela e o Monte das Penas.

Para o futuro, é difícil propoñer un estudo no novo xacemento. Moure asegura que os trámites burocráticos son moi complexos, pois en Galicia están "en estudo os mínimos", con ao redor de 50. A pesar diso, en todos se atoparon "obxectos interesantes como pezas metálicas, torques, fragmentos...", explica.

No municipio hai 44 destes xacementos
A provincia de Lugo é unha fonte de riqueza arqueolóxica, cuns 1.300 castros catalogados. Tan só no concello de Láncara xa "hai 44 castros rexistrados", aínda que se atopan en diferentes estados de conservación.

O portavoz do colectivo Patrimonio dos Ancares describe a comarca de Sarria como "verdeiramente impresionante" polo capital arqueolóxico do que dispón.

Engade que, no seu conxunto, Galicia "é unha mina" e que se a asociación á que pertence tivese unha dedicación exclusiva chegarían moitos máis descubrimentos. Exemplo diso é o achado dun castro, mentres daba un paseo, na provincia da Coruña.

Comentarios