Patrimonio dos Ancares localiza novos petróglifos no concello do Páramo

Trátase do segundo achado neste municipio, realizado na Pena Aguieira e comunicado á Xunta para catalogación
Un dos achados na Pena Aguieira do Páramo. PATRIMONIO DOS ANCARES
photo_camera Un dos achados na Pena Aguieira do Páramo. PATRIMONIO DOS ANCARES

O Colectivo Patrimonio dos Ancares vén de localizar novos petróglifos no concello do Páramo, no lugar coñecido como Pena Aguieira, a 650 metros de altitude e no límite co municipio de Sarria, entre as parroquias de Sa e San Miguel de Vilapedre.

Trátase do segundo achado en terras paramesas despois de que, en outubro do 2020, fose documentado outro grupo de petróglifos no Pico da Cruz, na parroquia de Vilafiz, en colaboración coa asociación de recreación histórica de Lugo Tir na N'og.

Segundo informa o investigador Xabier Moure, nesta ocasión descubriron gravuras formadas por un mínimo de tres coviñas, das que parte un apéndice en forma de cruz. O máis interesante é "un cadrado coas esquinas redondeadas con catro divisións formadas por dous trazos rectilíneos que se cruzan no medio". Unha das liñas proxéctase cara ao exterior.

Como primeira hipótese, Patrimonio dos Ancares pensou que podía responder a un alquerque de tres (xogo do tres en raia), mais tomando como referencia outros gravados similares e a proximidade a cazoletas con suco concluíu como máis probable "que sexa de factura prehistórica duns 4.000 anos de antigüidade, feito que semella confirmar o elevado grao de erosión de todos os motivos, excepto a cruz que presenta as arestas máis vivas, gravada con posterioridade para, posiblemente, cristianizar un lugar ritualizado considerado como pagano".

Segundo indica o colectivo, a descuberta destes petróglifos xa foi comunicada a Patrimonio da Xunta de Galicia para que proceda á súa catalogación.

O lugar deste achado é tamén de interese dado que alí houbo unha fortaleza medieval derrubada durante a Revolta Irmandiña, comenta Moure. Segundo explica, a mediados dos anos 90 localizáronse restos da estrutura central da fortificación, así como obxectos cerámicos, metálicos e unha bóla lítica incrustada nunha viga "correspondente a un proxectil".

O castelo de Pena Aguieira figura no preito Tabera-Fonseca. Un erro na lectura dese documento histórico levou a catagolar un inexistente castelo na Pena Agüeira de Becerreá, froito dunha confusión co nome do monte do Páramo, indica Patrimonio dos Ancares, que en novembro do 2021 solicitou a descatalogación.

Comentarios