José Luis López: "A partir deste ano cada veciño pagará polo consumo de auga"

O Páramo mantense libre de coronavirus e o seu alcalde esfórzase por manter a rutina nun momento anormal. Ocupa a cabeza coas obras dun novo local social, coa regularización do servizo de augas, cos asfaltados ou cos axustes no alumeado para aforrar enerxía.
José Luis López López, alcalde do Páramo. EP
photo_camera José Luis López López, alcalde do Páramo. EP

O Páramo é un oasis no medio da pandemia. Non se rexistraron contaxios por coronavirus —oficialmente hai un dunha persoa, pero non reside no municipio— e os veciños extreman a precaución para manter a boa saúde.

O Páramo aínda non rexistrou contaxios por coronavirus.
A xente está moi mentalizada de que hai que ter coidado. Estamos concienciados de que toda precaución é pouca. A sorte tamén axuda porque o coronavirus pode aparecer en calquera lado e en calquera momento.

Teñen especial coidado con algo?
Insistimos en que hai que seguir as normas básicas de hixiene de mans, uso de máscara e distanciamento, pero eu incidiría moito en pedir coidado á xente que vén de fóra do concello. Hai que ser moi prudentes nas visitas, xa sexa á familia, por traballo ou por calquera outro motivo xustificado.

Cre que a xente pode baixar a garda ao ver que non hai casos?
Non é posible relaxarse. Hai que estar concienciados de que temos un problema moi serio e que se veñen mal dadas podemos pasar de cero a cen moi rápido.

Está afectando esta situación ao traballo do Concello?
As oficinas seguen funcionando con normalidade. Puxemos mamparas, dispensadores de xel e desinfectamos con frecuencia os locais públicos. O que si evitamos son as reunións de xente.

A boa situación non permite relaxarse en canto a prevención. Se veñen mal dadas podemos pasar de cero a cen

Tomou o Concello algunha medida adicional para paliar os atrancos que a pandemia ocasiona na vida dos veciños do Páramo?
Prestamos os servizos básicos coma sempre e estamos a disposición dos veciños por se necesitan algo. Por exemplo, cando se suspenderon as clases presenciais e continuou a docencia online, había rapaces que non tiñan conexión a internet na casa e o Concello ocupouse de xestionárllela.

Supoño que o servizo de axuda a domicilio terá un papel fundamental nestes tempos. Está funcionando a pleno rendemento e con moita precaución para que toda a xente que o necesite reciba a atención precisa.

En que están traballando agora?
Estamos rehabilitando o concello vello para transformalo en centro social, para que os veciños teñan un lugar onde realizar actividades diversas. Os traballos estanse facendo a través dun obradoiro de emprego. Tamén estamos cambiando luminarias en distintos puntos do concello, para substituír as actuais por focos led. É a primeira fase dun total de tres, nas que renovaremos toda a iluminación do municipio.

Nestes momentos teñen en exposición o plan básico. Supoño que estas normas de seguridade condicionarán o contacto cos veciños.
Si, iso é complexo. Xuntamos a xente por parroquias para explicarlles a parte do plan que lles afecta e agora non se pode facer coma antes. Ten que ser nun local grande que permita o distanciamento. Os veciños van entrando pouco a pouco, dous ou tres cada vez, e o resto ten que esperar fóra.

O obradoiro de emprego está rehabilitando o concello vello para transformalo nun centro social

É necesario que coñezan o plan para poder facer alegacións se o cren necesario.
Claro. Está aberto o prazo de exposición ao público para que a xente formule alegacións e solicite os cambios que considere oportunos. Estamos recibindo bastantes alegacións, sobre todo de xente que pide que as súas terras se cualifiquen dun ou outro xeito.

E cando empezarán as melloras nas estradas?
Estamos esperando a que pare de chover para empezar obras en diversas vías. Por exemplo, de Santa Andrea a Salgueiredo e de Salgueiredo a Piñeiro; de Gondrame a Pinte, no camiño de San Vicente a San Cibrao de Grallás, de Vilarmosteiro a Santa Andrea por Seoane, un formigonado en Trebolle, e tamén está previsto amañar os accesos ao centro médico cunha subvención do GDR.

Creo que tamén vai haber novidades en canto á xestión da traída de auga municipal.
Si. O Concello arrastra desde o ano 2014 unha débeda coa Xunta polo canon da auga. O custo acumulado ata o ano 2020 vaino asumir o Concello, pero a partir do 2021 imos intentar regularizar a situación e que cada veciño pague o que lle corresponda polo seu consumo. O Concello xa pagou 120.000 euros pola débeda acumulada coa Xunta ata o 2020 e pode que incluso teñamos que abonar algo máis porque estamos pendentes de saber se temos que asumir unha sanción polo retraso.

O cobro do servizo de auga irá acompañado dalgunha mellora?
Estamos facendo un estudo para ver como se pode mellorar a subministración de auga. A traída municipal consta de dous depósitos e estamos vendo o xeito de xestionar o servizo o mellor posible.
 

Moi persoal. Do fútbol á política

Traxectoria política
José Luis López López accedeu á alcaldía no ano 2019. Concorreu ás eleccións municipais como cabeza de lista da agrupación de electores Todo polo Páramo. A estrea desta formación nas urnas foi boa e conseguiu empatar a catro concelleiros co Partido Popular, que mantiña a alcaldía do Páramo desde había 36 anos con Gumersindo Liz á fronte. O apoio do PSOE para a investidura inclinou a balanza en favor de Todo polo Páramo e deulle a José Luis López o bastón de mando.

Afeccións
O actual alcalde foi presidente do equipo de fútbol local. Di que a súa vida social se viu moi afectada pola pandemia. "Vou da casa ao traballo e do traballo á casa". Bota de menos "quedar con xente", reunirse cos amigos "libremente", e di que iso será o primeiro que recupere cando se poida.

 

Comentarios