Unha parella da comarca, segunda de España nun torneo de futbolín

Manuel Vázquez, de Sarria, e Alberto García, do Incio, logran o título na modalidade de movemento nun campionato en La Bañeza

2018121117392169141
photo_camera 2018121117392169200

SARRIA. A parella de futbolín formada por Manuel Vázquez López, de Vilapedre (Sarria), e Alberto García Arias, de Val do Mao (O Incio), proclamouse subcampioa na modalidade de elite de movemento nun torneo nacional disputado durante o pasado fin de semana en La Bañeza (León).

Alberto García, como dianteiro, e Manuel Vázquez, na posición de porteiro, alzáronse co título nun campionato ao que se presentaron 140 parellas de toda a xeografía española, o que lles reportou un trofeo e 700 euros.

Este Campionato Nacional de Futbolín, que suma xa 22 edicións, bateu marcas de participación e tivo un podio integramente galego, dado que o primeiro e terceiro posto de elite de movemento corresponderon a parellas de Vigo.

«Lograr este premio anima a seguir xogando e supón unha recompensa polos anos que levas gastando cartos e tempo nesta forma de lecer», afirma Manuel Vázquez, cuxa afección a esta disciplina remóntase doce anos atrás.

Para Alberto García, quen participa en torneos desde hai unha década, trátase do seu segundo título da tempada, xa que en agosto coroouse no Máster Rías Baixas con Iago de Láncara como compañeiro. O torneo disputado en La Bañeza é o primeiro ao que concorre formando parella con Manuel Vázquez e non descarta volver unirse para outros campionatos. «Somos colegas e adestramos xuntos moitas veces», comenta.

Ademais, ambos forman parte da asociación Sarria Futbolín, que agrupa a afeccionados de toda a comarca e outros concellos como Becerreá, e que organiza o máster de Sarria, con máis de 200 parellas na súa última edición, celebrada o pasado novembro no Chanto.

O futbolín está a dar grandes alegrías na zona. Outros dous veciños, José Luís López de Paradela e Javier Valín do Páramo, foron campións de España en 2016.

Comentarios