O Páramo queda sen o seu único banco ao pechar esta semana a axencia do Pastor

A entidade comunicou por carta aos seus clientes que desde este xoves deixará de prestar servizo no municipio

O concello do Páramo perde a súa única entidade bancaria, xa que esta mesma semana pechará as súas portas a axencia que o Banco Pastor ten xunto ao campo da feira.

A entidade enviou nos últimos días cartas aos seus clientes nas que os informa de que desde mañá os produtos que teñen contratados en Pastor pasarán a ser supervisados na oficina da Pobra de San Xiao (Láncara). Nas misivas sinalan tamén que este cambio non supón ningunha modificación na numeración dos seus contratos nin na súa operativa virtual co Banco Pastor.

Na porta da axencia do Páramo informan tamén do próximo peche. Nun cartel indican que deixarán de prestar servizo na localidade e que os clientes poderán ser atendidos en calquera sucursal desta entidade, sendo a máis próxima a da capitalidade lancaresa.

A axencia do Banco Pastor estaba en funcionamento no municipio paramés desde había unhas tres décadas.

OUTROS PECHES. O peche da oficina paramesa súmase ao doutras que a entidade ten na provincia de Lugo. é o caso das instalacións das localidades de Parga e Castroverde, onde tamén se anunciou que se clausurarán este xoves. Nas últimas semanas, ademais, desapareceu a axencia de Cervantes.

Os peches prodúcense un ano despois de que Santander anunciase a absorción de Banco Popular e Banco Pastor.

Comentarios