Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Paradela mellora o campo de fútbol de O Gandarón con máis de 32.000 euros

Imaxe das obras da Paradela
Imaxe das obras da Paradela

Os traballos, con cargos ao plan único e fondos municipais, consisten na nivelación, sementa de céspede e ampliación do sistema de rega

O campo de fútbol municipal do Gandarón de Paradela foi sometido a uns traballos de mellora por parte do Concello cun orzamento de 32.739,41 euros, consistentes en obras de nivelación, sementa de céspede e ampliación da rega, entre outras.

A maior parte do investimento (21.852,60 euros) finánciase con fondos do plan único da Deputación. Esta partida permite a "aplicación de herbicida total non residual, aireado con petisco macizo a unha profundidade de 18-20 centímetros, labores de nivelación, recebado con area silicia, fertilizantes con abonos de liberación lenta e sementa de céspede cunha mestura de distintas especies e variedades de gramínea", segundo informou o Concello de Paradela.

A maiores, o Concello achega outros 10.886,81 euros de fondos propios para mellorar a rega coa construción de 556 metros, máis gabias para a colocación de novos aspersores.

O alcalde, José Manuel Mato, explicou que estas actuacións están xa finalizadas e que suporán un importante avance nas instalacións que, no seu día, xa destacaron por ser "un dos mellores campos da zona".

Segundo recordou, a súa creación data de 1981, o mesmo ano no que se puxeron os cimentos da Sociedade Deportiva Paradela, constituída legalmente en 1982 cunha directiva encabezada por el mesmo e con Manuel López como vicepresidente, José Luís González no papel de secretario, Ovidio Vázquez como tesoureiro e, en calidade de vogais, Camilo González, Manuel Vázquez, Ovidio Abella, Pedro Pérez, Jesús Losada e José Miragaya. Nos seus inicios a auga fornecíase aos vestiarios "cun depósito sobre un remolque de tractor", comenta.

No ano 1987 realizáronse melloras no peche do recinto e novos vestiarios. Unha década despois, en maio de 1997, "acométese a verdadeira construción do terreo e mellora de instalacións, cunha importante dotación económica, con colaboración da Deputación e o Concello, por importe de 16.184.903 pesetas", sinala José Manuel Mato. Segundo explica, o levantamento topográfico realizado naquel momento puxo en evidencia un desnivel nunha das esquinas de 3,20 metros, que foi corrixido cun importante movemento de terras.

As últimas obras están xa listas, pero haberá que esperar uns meses para ter nova herba e poder usar o campo, polo cal a nova directiva da SD Paradela, con Roberto López á fronte, busca alternativas para os partidos iniciais da terceira autonómica.

Paradela mellora o campo de fútbol de O Gandarón con máis de 32.000...
Comentarios