Paradela falla os premios Manuel Oreste Rodríguez, aos que se presentaron 879 obras

As gañadoras foron María Soledad García Riveiro na modalidade de poesía, Concepción Fernández López en narrativa e Patricia Torrado Queiruga no apartado dedicado ao Camiño de Santiago
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Reunión de membros do xurado no salón de plenos de Paradela. EP

O Concello de Paradela fallou os premios do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López ao cal se presentaron 879 traballos, entre os que resultaron gañadoras María Soledad García Riveiro de Nigrán, Concepción Fernández López da Coruña e Patricia Torrado Queiruga de Porto do Son, nas modalidades de poesía, narrativa e Camiño de Santiago, respectivamente, dotadas cada unha delas con mil euros. Venceron coas obras As palabras son cinzas por soprar, Follas dun caderno de coiro marrón e Verba enxertada.

En poesía, o segundo premio recaeu en Xoán Piñeiro Cochón, de San Martiño de Salcedo (Pontevedra). Houbo, ademais, un accésit para o tamén pontevedrés Pedro Rielo Lamela e outro para o lucense de Alfoz Lionel Rexes Martínez.

O xurado outorgou sendas mencións de honra a Begoña Graña Suárez da Coruña e Luís Lexandel Pita de Cuba.

Na modalidade de narrativa, o segundo premio foi para Gabriel Estelrich Torrens, de Barcelona, mentres que o accésit e mencións leváronos Celia dos Santos de Ibiza, Javier Vázquez de Madrid, Tito Pérez da Coruña e Joaquín Pérez de Alacante.

O xurado estivo presidido polo alcalde de Paradela, José Manuel Mato, e formado por Xesús Mato, Xulio Xiz, José Antonio Giz, Ángel Fernández, Valentín García, Xavier Rodríguez e Santiago Rodríguez, actuando como secretario Manuel Piñeiro.

Ao seu xuízo, tamén mereceron ser recoñecidos no apartado dedicado ao Camiño de Santiago traballos de Goretti Fariña de Santiago, Gerardo Santiago Medrano de Nicaragua, Miguel Dopico de Oviedo e Natalí Mercado de Costa Rica.

A maior parte das obras (466) foron de narrativa e houbo tamén 379 de poesía e 34 sobre o Camiño.

Comentarios