Paradela entregará o día 19 os premios literarios Manuel Oreste Rodríguez

Un poeta ourensá e un autor de Xaén foron os gañadores dunha edición con 848 obras

Público en la entrega del premio Manuel Oreste Rodríguez López en Paradela. AEP
photo_camera Público na entrega da pasada edición do certame Manuel Oreste Rodríguez López. AEP

O centro sociocultural Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela acollerá o próximo día 19, ás oito da tarde, o acto de entrega dos premios literarios do mesmo nome, convocados por este Concello en memoria do desaparecido autor e Fillo Predilecto do municipio.

Na que foi xa a súa vixésima terceira edición, resultaron gañadores Sofía Carril Calvo (de Arcos de Valdeorras, en Ourense) e Juan Carlos Pérez López (natural de Xaén e con domicilio nun municipio sevillano), quen venceron, respectivamente, nas modalidades de poesía e narrativa deste certame.

Cada unha delas está dotada con 600 euros, ademais da publicación do poemario e o relato. A maiores, o xurado concedeu senllos accésit aos cubanos Alexander Aguilar e Luis Leandel Pita, o coruñés Simón Igrexas, a Obdulio Alonso e María Vitoria Rebollo (ambos de Badaxoz), Santiago Casal de Compostela, Nélida Leal de Cádiz e Francisco Javier Fernández de Vigo.

O certame Manuel Oreste Rodríguez recibiu un total de 848 obras, das cales 410 corresponderon á modalidade de poesía e 438 á de narrativa.

O Concello convocou xa unha nova edición destes premios, á que concorren 770 traballos. Destes 350 presentáronse na categoría de poesía, mentres que 420 en narrativa.

A maior parte das obras enviáronse por correo electrónico (719), mentres que só 51 foron remitidas por correo ordinario. Os gañadores daranse a coñecer o próximo mes de maio.
 

Comentarios