lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Paradela disporá doutra ruta de sendeirismo con case 200.000 euros

O conxunto de San Facundo de Ribas de Miño é un dos atractivos da contorna. AEP
O conxunto de San Facundo de Ribas de Miño é un dos atractivos da contorna. AEP
A actuación, financiada por Endesa, enlazará co carreiro do Loio e acabará en Aldosende

Os atractivos naturais e paisaxísticos de Paradela veranse potenciados coa creación dunha nova ruta de sendeirismo, que será acondicionada por Endesa cunha partida próxima aos 200.000 euros como parte do investimento que realiza nos dous parques eólicos deste municipio.

Segundo explicou o alcalde, José Manuel Mato, o novo carreiro suporá unha ampliación e mellora da ruta Loio-Ruxidoira, de modo que enlazará con esta e finalizará na praza de Aldosende.

A empresa promotora destes traballos acaba de presentar no Concello o proxecto para licenza definitiva, unha vez solicitados todos os informes necesarios para a execución das obras. O asunto será levado á próxima xunta de goberno local para a concesión do correspondente permiso.

Os traballos contan cun orzamento de 191.799 euros e, segundo Endesa, permitirán adecuar unha ruta de 16 quilómetros de lonxitude, que discorrerá xunto o encoro de Belesar de forma paralela ao río Miño.

O rexedor destacou o alto interese dos lugares polos que transcorrerá o novo carreiro. Segundo sinalou, partindo de Loio subirá ata un miradoiro sobre o pantano para continuar ata Santa Marta, unha paraxe "preciosa". Pasará tamén polo núcleo de Adega, onde se conservan "unhas corgas históricas", e por San Facundo de Ribas de Miño. Neste punto existe un antigo conxunto monástico, declarado Monumento Artístico Nacional no ano 1982, que foi obxecto dunha ampla rehabilitación na década dos 90, merecedora de premio polo Colexio de Arquitectos de Galicia.

O acondicionamento da nova ruta enmárcase dentro do proxecto do parque eólico Serra dás Penas

MUíñOS. A nova ruta de sendeirismo virá sumarse á dos ríos Loio e Ruxidoira, duns sete quilómetros de lonxitude, homologada desde hai anos. Este percorrido, que parte da capitalidade municipal e finaliza en San Xoán de Loio, permite ao camiñante contemplar varios muíños e fervenzas, así como árbores centenarias. Tomando un pequeno desvío atópanse tamén os restos do mosteiro de Santa María de Loio, onde se fundou a Orde dos Cabaleiros de Santiago.

As peculiares características da contorna Loio-Ruxidoira motivaron a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (Enil), o cal se estende por unha superficie de 437 hectáreas que destacan pola flora, a fauna, o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe.

O acondicionamento da nova ruta enmárcase dentro do proxecto do parque eólico Serra dás Penas, promovido por Enel Green Power, a filial de enerxías renovables de Endesa, formado por 21 aeroxeradores.

Esta mesma compañía tamén puxo en marcha o parque eólico Paradela, con seis muíños, no cal participa o Concello cun 10%. O custo de ambos superou os 60 millóns de euros.

Paradela disporá doutra ruta de sendeirismo con case 200.000 euros
comentarios