O orzamento do Incio increméntase este ano ata os 1,3 millóns de euros

Crecen os gastos de persoal pola subida prevista para os funcionarios e destínanse 41.000 euros a investimentos

Laura Celeiro. VILA
photo_camera Laura Celeiro. VILA

A corporación do Incio aprobou nun pleno ordinario (cos votos do grupo de goberno socialista e a abstención do PP e o BNG) o orzamento para este ano, que se incrementa ata os 1,3 millóns, 104.000 euros máis que o pasado exercicio.

Esta subida prodúcese polo incremento dos ingresos por impostos directos e transferencias correntes, recolle a memoria das contas. Estas basearanse no mantemento dos servizos públicos básicos e os sociais, así como na aposta polo ámbito cultural e deportivo.

En canto ao capítulo de gastos, 744.000 euros dedícanse a persoal, 160.000 máis que en 2018. Débese a que se prevén as retribucións íntegras da praza de secretaría e unha subida dos salarios, que pode chegar ata o 2,75%. Pola súa banda, os gastos correntes son 504.000 euros, mentres que para investimentos reais destínanse 41.700, contía que se reserva para a achega que teña que realizar o Concello no caso da concesión de subvencións da Xunta e doutras administracións.

Con todo, os investimentos serán maiores, sinalou a alcaldesa, Laura Celeiro. Hai que incluír o plan único deste ano da Deputación, no que se dedican 188.000 euros á mellora de camiños. Ademais, están a executarse outras obras en viarias, como do plan único de 2018, apuntou.

AXUDAS. O Concello dedica outros 4.300 euros a transferencias correntes, nas que se inclúen as cotas anuais da Fegamp e a Femp, así como axudas de carácter social. Entre elas contémplanse unha subvención nominativa de 2.000 euros para o equipo de fútbol do Incio e outra axuda de 50 por neno matriculado no colexio Ricardo Gasset para a compra de material escolar.

Con respecto aos ingresos, 425.000 euros corresponden a impostos directos e outros 9.000, aos indirectos. Nos primeiros prevese unha lixeira subida (preto de 20.000 euros) pola finalización do período de regularización catastral, que deu en 2017 un incremento maior do previsto, sinala a memoria do orzamento.

En canto a taxas e outros ingresos, tamén se proxecta unha lixeira subida (de 21.000 euros) ata os 199.900. O Concello prevé, ademais, ingresar 685.000 euros de transferencias correntes, 65.000 máis que o pasado exercicio polo "maior crecemento do PIB, o que fai esperar maiores ingresos por transferencias do Estado e a Xunta de Galicia", segundo figura nas contas.

O PXOM está pendente dun informe
A revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) continúa a súa tramitación e está pendente dun informe da Xunta sobre a memoria ambiental. Así o sinalou a alcaldesa durante o pleno ante unha cuestión do BNG.

Pola súa banda, o PP preguntou por que non se invitou aos edís formalmente á homenaxe a un gaiteiro. A rexedora alegou que foi un acto público e que xa sabían da súa celebración ao levar a outro pleno o plan único, no que se incluíu o monólito para a homenaxe.

Comentarios