A orixinalidade marcou este domingo o mercado do Nadal que se celebrou no Garaxe de Sarria, e non só pola participación de artesáns e deseñadores galegos con pezas únicas senón tamén polo concerto que ofreceron en dous pases os músicos locais El Chico López e Borja López e que, para sorpresa dos viandantes, tivo lugar no escaparate desta sala de eventos.
O mercado —que tamén incluíu un contacontos de César No, ademais de vermú e tapas con Adarve e bar Cubano— rexistrou unha boa acollida e nivel de vendas durante todo o día.
Os sarriáns acudiron desde primeira hora en busca dalgún detalle "especial" entre a oferta de La Madrina de Candela, Longa Vida, La Chapera, Dávana, Waves, Jerolas, Fento do Vento, Sopa de Nuez, Malas Hierbas, Leandro Barea e María Viqueira. "Para nós é o primeiro mercado de Nadal deste ano. A xente adoita responder ben e valora a artesanía local. Gústalle regalar algo que non ten todo o mundo", comentaron os deseñadores de Waves.
"Sarria é unha zona que aprecia o noso produto", anadió Jerolas, que tamén agradeceu o traballo da organización.