Olga Iglesias: "Imos ampliar o polígono porque hai demanda de solo industrial"

A alcaldesa de Triacastela ten os ollos postos no Camiño de Santiago. Di que o está coidando como se estivese aberto, para que estea a punto cando poida chegar o primeiro peregrino. Mentres, pensa no xeito de impulsar o sector agroalimentario, no que ve o futuro do rural.
Olga Iglesias Fontal. VILA
photo_camera Olga Iglesias Fontal. VILA

Triacastela tenta manter o ritmo de vida a pesar das circunstancias. Os peches perimetrais quitáronlle o alento que lle dá o Camiño de Santiago, pero a gandaría serviu de brasa para manter aceso o lume da economía local.

Triacastela está librando ben da pandemia de momento.
A xente está concienciada e ten moito coidado. Desde o Concello procuramos facer un labor pedagóxico, pero o risco é inevitable. No verán houbo pouco movemento de xente, poucos peregrinos, e non houbo problema. Tamén tiña medo co Nadal e as matanzas, pero foise controlando.

Controlar as matanzas é complicado porque unha persoa non pode facer todo o traballo.
Non, pero é mellor que se xunten catro e non quince. Ademais, o problema non é tanto o momento do traballo, senón a vida social que conleva, as comidas. Se ten que haber contacto, que sexa en espazos abertos.

Si, pero o lugar de reunión propio do inverno é a cociña de leña.
Claro. O problema non é ir de paseo ou ir comer nunha terraza, o malo é cando a xente se xunta nas casas, en ambientes pechados e pouco ventilados.

Desde o Concello teñen algún protocolo de actuación en caso de contaxio?
Ofrecemos axuda a todos os que se poñen en contacto con nós, pero se eles non nos comunican que están contaxiados nós non sabemos quen son. A lei de protección de datos non permite revelar a súa identidade, pero se o fan si que lles podemos axudar. Creo que debería haber un cambio de lexislación a nivel nacional porque coñecer quen ten covid-19 é cuestión de   saúde pública, vai máis aló da protección de datos persoais.

Supoño que tiveron que cambiar o xeito de traballar no Concello.
Algo si. Hai poucos traballadores e por iso poden estar todos, pero o lugar de atención ao público cambiouse para o recibidor e instalouse un videoporteiro para regular a entrada. A xente chama, espera fóra e vai entrando cando sae o anterior. Así non hai aglomeracións e protéxese tanto o traballador como o administrado.

Pechar o Camiño foi un mazazo económico grande e temos que estar preparados para aproveitalo cando abra

Vostede, por cuestións de traballo, ten que moverse moito. Ten algún ritual de protección?
Non, pero teño coidado. Uso sempre a máscara no tempo indicado, procuro lavar moito as mans e minimizar o contacto fóra do traballo. A miña vida social caeu en picado. Hai que seguir, pero sen correr máis riscos dos necesarios.

E que foi dese porta a porta tan propio do rural?
Ese non se perde. Ti podes falar na porta co veciño gardando a distancia social. O problema é meterse na casa, aí está o perigo. 

O confinamento virou moitos ollos cara ao rural. Notou algún incremento de poboación neste
sentido?

Houbo xente que xa era natural de Triacastela e que decidiu volver ou pasar máis tempo na casa que xa tiña. Houbo quen pasou o confinamento aquí e algúns están facendo obras para mellorar as vivendas. Sobre todo xubilados.

Entendo que non é xente que veña para asentarse no rural con novos proxectos.
Iso penso que pasará máis nos concellos periurbanos, onde a xente pode ir e vir e traballar nas cidades. Para conseguir atraer poboación dese tipo necesitamos ter unha rede de telecomunicacións boa. Se houbera unha conexión potente a internet e se puidese teletraballar sería máis fácil o asentamento de poboación. Aquí só temos fibra óptica no núcleo de Triacastela.

Os produtos locais, como a carne, o mel ou os embutidos, son o futuro e traballaremos para promocionalos

E que vai pasar co Camiño de Santiago neste ano santo?
O máis importante é poder abrilo. O ano pasado traballamos no embelecemento de contedores, na ruta de sendeirismo de San Mamede... e este ano seguiremos con outras actuacións coma se o Camiño estivese aberto, para que todo estea listo no momento xusto no que a xente poida vir. Pechar o Camiño foi un mazazo económico grande e cando o recuperemos temos que estar preparados para aproveitalo.

Parece que a economía rural sobrevive mellor cá urbana.
Temos sorte de que en Triacastela hai moita gandaría e iso segue funcionando. Pretendemos, nese sentido, apoiar os produtores locais con iniciativas promocionais, dar a coñecer produtos nosos como son a carne, os embutidos ou o mel. É o futuro do rural.

Tamén teñen en proxecto a ampliación do solo industrial.
Imos habilitar 15.000 metros cadrados máis de solo industrial porque hai demanda. Trátase de facer un pequeno polígono en base ás necesidades. Hai unha empresa que o necesita e detrás desa poden vir outras.
 

Estudos
Estudou Veterinaria en Lugo e doutorouse cunha tese sobre técnicas de detección de toxinas en moluscos bivalvos. Forma parte da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia desde o ano 2009.
Profesión
É funcionaria da Xunta, onde desempeñou diversos cargos vencellados á Consellería do Medio Rural. Actualmente é xefa territorial desta consellería en Lugo.
Traxectoria política
O PP sempre confiou en Olga Iglesias para postos destacados. Ademais de alcaldesa de Triacastela, foi deputada no Congreso, onde exerceu de voceira de agricultura e sanidade, e no Parlamento galego. Como curiosidade, foi a primeira parlamentaria en solicitar o voto telemático nun pleno, nunha sesión á que non puido ir por estar próxima ao parto.

 

Comentarios