A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informou de que as obras de conversión da Vía de Altas Prestacións Nadela-Sarria nunha autovía, concretamente no tramo entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, que está nestes momentos en execución, obrigará a realizar cortes puntuais no tráfico desa vía, pola que circulan a diario entre 7.500 e 8.000 vehículos.
Segundo a información facilitada pola propia Consellería, eses cortes puntuais de tráfico, que comezaron esta semana, produciranse todos os martes e xoves ao mediodía "durante os próximos meses", para "avanzar na actuación" e ao mesmo tempo "garantir a seguridade durante a execución deses traballos, que inclúen voaduras" controladas.
Os cortes na circulación produciranse en ambos os sentidos do tráfico, eses dous días da semana –sempre que sexan laborables–, concretamente entre as 13:00 e as 15:00 horas.
Os cortes realizaranse entre o enlace do quilómetro 13 –O Páramo, A Pobra de San Xiao–, o do quilómetro 22 –Sarria norte, Morelle– e o do quilómetro 24 –Sarria centro, Paradela–.
O tráfico será desviado pola estrada autonómica LU-546, que comunica Nadela con Monforte de Lemos.
O tramo que está neste momento en execución ten unha lonxitude de 11,5 quilómetros, a súa conversión en autovía custará 25 millóns de euros e as obras estarán finalizadas no outono do próximo ano.