As obras do cemiterio de Sarria retómanse logo de dous anos paralizadas

Os traballos de ampliación da necrópole levan a construción de 300 nichos e o Concello espera que estean finalizados en febreiro
undefined
photo_camera Zona do cemiterio sarrián en obras. PORTO

As obras de ampliación do cemiterio municipal de Sarria retomáronse logo de máis de dous anos paralizadas. O Concello espera que estean finalizadas no mes de febreiro, co que se dará resposta á gran demanda de sepulturas existente.

Os traballos na necrópole foron adxudicados en 191.000 euros á empresa Narom e supoñen a construción de 318 nichos repartidos en seis bloques, así como 174 columbarios.

A actuación no cemiterio arrincou en xullo de 2018, aínda que a daquela directora de obra e arquitecta técnica municipal considerou necesario modificar o proxecto por carecer "de partidas esenciais para a correcta e completa execución". O 3 de outubro decidiu a paralización parcial dos traballos e unha semana despois acordou a definitiva.

Entón o Concello optou pola rescisión do contrato, trámite que foi aprobado de forma definitiva en novembro de 2019, despois de que a empresa adxudicataria non presentase alegacións. O ente local encargou un novo proxecto para finalizar a ampliación aproveitando na medida do posible o que xa estaba executado, pero aumentando o número de nichos previsto inicialmente.

A ampliación da necrópole é unha obra moi demandada, xa que non dispón de nichos libres e hai unhas 300 solicitudes

A terminación das obras da necrópole foi contratada en outubro e os traballos comezaron hai preto dun mes, avanzando a bo ritmo. Foron adxudicados cun prazo de dous meses e desde o Concello esperan que se atopen finalizados en febreiro, xa que durante as festas de Nadal están parados.

A ampliación do cemiterio é moi demandada, pois Sarria non dispón de nichos libres e o Concello ten unhas 300 solicitudes. Esta falta de sepulturas levou a que incluso desde o Concello tivesen que pedir a veciños que contan con nichos en propiedade que os prestasen para poder facer enterramentos mentres que se finalizan as obras de ampliación da necrópole. Segundo o goberno, xa houbo que solicitar prestados uns 14.

O pasado mes de decembro o pleno aprobou, cos votos do grupo de goberno e o BNG, a ordenanza que regula o funcionamento do cemiterio. A normativa xa levou a unha sesión en outubro, pero foi rexeitada.

Agora saíu adiante tras incluír que abra todo o día do sábado e a mañá do domingo, ademais de luns a venres. O regulamento, que terá que saír a exposición pública, tamén regula a adxudicación de sepulturas. o correcto uso da necrópole ou os feitos que se considerarán infraccións, co correspondente réxime sancionador.

Comentarios