As obras da autovía Nadela-Sarria avanzan a todo ritmo

Os traballos da primeira fase do desdobramento do corredor progresan coa construción de terrapléns
Trabajos en la autovía. EP
photo_camera Traballos na autovía. EP

A obra da primeira fase da autovía Nadela-Sarria entre os enlaces da Pobra de San Xiao-O Páramo e Sarria-Centro, proseguen a un bo ritmo con movementos de terra para construción dos terrapléns e o inicio dos traballos de ampliación dos pasos inferiores.

A adxudicataria (unha unión temporal de empresas formada por Ovisa-Covsa-Grupo Bascuas 2008 S.L.-Construcións Isidro Otero S.L.), que comezou a actuación o pasado mes de novembro, traballa en movementos de terra. En total escavaranse un millón de metros cúbicos. Para executar as obras, que leva a cabo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tamén é preciso realizar voaduras para a escavación de roca. Isto obriga a cortar este tramo do corredor os martes e xoves dúas horas. Para estas actuacións un carro de perforación realiza aberturas para as voaduras mediante explosivos.

Os operarios tamén se ocupan da ampliación de terrapléns, para os que se precisa mover 780.000 metros cúbicos de terra. Para estes casos é preciso realizar desvíos provisionais de obras de drenaxe, o que se realiza con gavias provisionais recubertas de plástico.

As obras implican mover un millón de metros cúbicos de terra e a ampliación de quince drenaxes transversais

Ademais, encárganse da ampliación de obras de drenaxe transversal con marcos prefabricados de formigón armado, coa súa correspondente impermeabilización, drenaxe e embocaduras. En total será necesario ampliar un total de 15.

En canto a estruturas, os traballadores tamén comezaron a adaptación dos pasos inferiores. Nestes 11,5 quilómetros da primeira fase da autovía deberanse ampliar seis destas infraestruturas. Os operarios comezaron coa execución da cimentación en formigón armado. Neste caso non ven afectados os pasos superiores, pois xa quedaron preparados para o desdobramento do corredor.

Neste ano a actuación céntrase nos movementos de terra, mentres que o próximo será a quenda dos firmes e pavimentos. En mesturas bituminosas precisaranse máis de 50.000 toneladas, mentres que en cemento preto de 37.000 metros cúbicos.

As obras da primeira fase da autovía, as cales foron adxudicadas pola Consellería de Infraestruturas por 19,3 millóns de euros, terán que estar finalizadas no outono do próximo ano.

A nova calzada discorre pola marxe esquerda da vía en dirección Sarria, co que se pasará a dúas calzadas con dous carrís por sentido. As calzadas estarán separadas por unha mediana de dous metros con barreira de formigón.

A empresa adxudicataria tamén realiza voaduras mediante explosivos para a escavación de material duro

A actuación tamén inclúe a adaptación dos tres enlaces, a reposición dos camiños de servizos afectados e a colocación dun valo reforzado para reducir os accidentes de tráfico causados por invasión de xabarís.

O desdobramento do corredor entre Nadela e Sarria é unha vella demanda da comarca, pois conta cunha gran carga de tráfico (ata 8.000 vehículos os días laborais) e cando se producen accidentes teñen graves consecuencias. O presidente da Xunta anunciou o pasado mes de marzo durante unha visita ás obras que licitarase en breve a redacción do proxecto para completar a conversión da autovía entre Nadela e Sarria.

Comentarios