O Camiño visto desde EE.UU.

Un escultor de Estados Unidos expón na mostra Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria con tres obras sobre a ruta xacobea

O estadounidense José Benavides coas obras. PORTOPreto de 9.000 quilómetros separan San Francisco, en Estados Unidos, de Sarria, pero isto non impediu que un escultor, José Benavides, participe na exposición de Artistas e Artesáns da Comarca no Camiño. E faino con tres obras que representan outras tantas "etapas de superación persoal", que, para o autor, forman parte da ruta xacobea.

Benavides percorreu o pasado ano o Camiño Francés desde Saint Jean Pied de Port e ao chegar á vila sorprendeulle a mostra que organiza todos os anos a Asociación de Amigos do Camiño na Comarca. Por iso, pediu poder participar na edición deste ano e el mesmo trasladou as obras a pasada semana.

As súas esculturas son unha representación das "tres rutas polas que se pasa, a física, a emocional e a espiritual", conta este artista que naceu en Cataluña, aínda que desde os 7 anos de idade vive en Estados Unidos.

Define a etapa física como aquela pola que os peregrinos pasan entre Saint Jean Pied de Port e Burgos, percorrido no que comezan "a alixeirar as súas cargas, tanto literal como metaforicamente, arroxando o innecesario e facéndose máis fortes". Xa en Castela e León vívese a "ruta emocional", pois ofrece "espazos abertos e soidade". As camiñadas vólvense "meditativas" e este tramo é "moi introspectivo".

Para rematar pásase pola "ruta espiritual", na que os peregrinos chegan á comunidade galega e atópanse cunha paisaxe de bosques "montañosos, prados, arroios e terras de cultivo". O camiñante está "inmerso nun sentido de vitalidade física, claridade de pensamento e plenitude de espírito", define José Benavides, quen estes pasos recolleunos nas súas esculturas, elaboradas ao seu regreso a Estados Unidos.

DONACIÓN. Trátase da primeira vez que un artista de fóra de España participa na exposición, indica o presidente da Asociación de Amigos do Camiño na Comarca, Jorge López. O estadounidense doou as tres obras ao colectivo co condicionante de que se exhiban en mostras da entidade sarriá.

Comentarios