O alcalde de Sarria tacha de "tomadura de pelo" que a autovía se faga "en dúas etapas"

Lamenta o anuncio deste luns, que considera "unha promesa incumprida que tiña que producirse como mínimo hai dez anos"
Claudio Garrido. VILA
photo_camera Claudio Garrido. VILA

O alcalde de Sarria, o agora independente Claudio Garrido, cualificou de "tomadura de pelo" que o desdobramento na autovía desde Nadela a Monforte se pretenda facer "en dúas etapas". 

Garrido, que na súa primeira época como alcalde o fixo co PSOE, non dubida que se trata dunha "boa noticia" aínda que cre que "é unha noticia que tiña que producirse como mínimo hai nove ou dez anos". "É unha promesa incumprida do presidente da Xunta e que utilizou permanentemente o PP", afeou. 

Este luns día 13 de xaneiro a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou a licitación, por case 25 millóns de euros do desdobramento en autovía do tramo comprendido entre A Pobra de San Xiao e Sarria-Centro, 11,5 quilómetros. Unhas obras que comezarán a executarse en xuño, cun prazo de dous anos para o seu remate. 

Garrido incidiu en que o "Partido Popular leva utilizando desde a época de Cuiña a transformación de este corredor en autovía e lévano utilizando con carácter electoral, e esquecéndose do importante que é para toda a zona sur (da provincia de Lugo), tanto para Monforte como para Sarria, este eixo de desenvolvemento que sería fundamental" para a zona. 

Así, o alcalde sarrián tachou de "verdadeira tomadura de pelo que se faga unha autovía, que se pretenda unir Sarria con Lugo esquecéndose de Monforte, e que se pretenda unir en dúas etapas facendo primeiro o tramo A Pobra de San Xiao e dentro de tres, cinco ou sete anos o resto". 

"É unha tomadura de pelo, un incumprimento que houbo permanentemente, aínda que sexa unha boa noticia de cara a 2022, pero estamos nun ano electoral e creo que (o anuncio) correspóndese máis a ese criterio que realmente aos compromisos para o desenvolvemento da zona sur de Lugo", censurou. 

Comentarios