"Nunca esqueceremos a corentena por Sarria"

O covid abortou a peregrinación de tres catalás que recibiron a axuda do Concello para confinarse dez días 
peregrinas sarria
photo_camera As tres peregrinas, xunto ao concelleiro de servizos sociais, na Rúa Maior de Sarria, unha vez finalizado o período de corentena. VILA

A catalá Elvira Castelo Moncayo, a súa filla Anais Molina e unha amiga desta, Camila Ocampo, nunca esquecerán o seu paso Sarria. O que ía ser unha peregrinación planificada desde facía un mes acabou convertida nunha corentena de dez días nun piso da localidade sen poder saír. O positivo en coronavirus que afectou a unha delas nada máis aterrar na vila desencadeou unha odisea que tivo final feliz grazas á axuda do concelleiro de servizos sociais e ao seguro covid.

A pesar de que os plans se trastornaron e non puideron gozar do inicio das súas vacacións, as tres móstranse agradecidas e con ganas de facer o Camiño o próximo ano. Anais e Camila, dúas mozas barcelonesas, tiñan planeado un verán perfecto unha vez finalizada a Selectividade. O pasado día 6 tomaron un voo a Santiago para desprazarse despois ata Sarria e iniciar os últimos cen quilómetros do Camiño Francés, acompañadas de Elvira Castelo. O mesmo día que pisaron Sarria souberon que outra amiga, coa que pasaran o fin de semana, dera positivo en covid.

''Nós tiñamos que intentar seguir o protocolo pero non sabiamos cal era e non había solucións'', explican as mozas, quen telefonaron a varios números e viviron eses primeiros momentos nunha ''completa incerteza'' o que lles xerou ''angustia''.

Segundo contan, acudiron ao PAC para solicitar unha proba PCR pero lles dixeron que non lla podían facer porque non tiñan síntomas. Optaron entón por recluírse na habitación dun albergue á espera de que chegase a nai de Anais á xornada seguinte. Ese día, 7 de xullo, Camila xa amenceu con febre e dor de cabeza. Elvira púxolle panos de auga fría e levouna por urxencias onde, tras varios trámites e contratempos, fixéronlles probas de antígenos que confirmaron o positivo en covid da moza.

Unha vez máis se atoparon ''sen saber que facer'' e sen unhas directrices que seguir ata que, segundo din, ''chegou Benjamín é contrela''. O edil de servizos sociais, médico de profesión, foi requirido para intentar dar solución a un caso que define como ''insólito''.

''Era a primeira vez que se nos daba esta situación e non podiamos deixalas tiradas'', afirma. O primeiro paso foi enviar ás tres mulleres a Lugo en dúas ambulancias distintas para facerlles sendas probas PCR, que ratificaron dous negativos e un positivo.

Despois, procuróuselles un piso para poder aloxarse durante os dez días que debían gardar corentena, unha estancia que foi financiada grazas ao seguro covid da Xunta que contrataron as peregrinas. Tamén houbo que xestionar alguén que lles leva a comida dado que ningunha das tres podía saír ao exterior.

''Os dous primeiros días foron de sufrimento e preocupación, pero os restantes estivemos ben'', contan as peregrinas, que pasaron as horas con videollamadas, películas, series e un libro que lles prestou a propietaria do piso no que se aloxaron. ''Titúlase A arte de enganar ao karma, que foi o que fixemos nós'', comentan entre risas cando, ao fin, poden pisar a rúa.

''Nunca nos imos a esquecer desta corentena en Sarria'', aseguran as tres mulleres, que intentan quedar coa parte positiva. ''Polo menos saíunos algo que contar e a experiencia déixanos a sorte de atoparnos con boa xente'', declaran.

Agora regresarán a Barcelona. Tiñan outras actividades programadas que lles impiden realizar neste momento a peregrinación que debían iniciar hai días. Pero se unha cousa teñen clara é que volverán a Sarria para ''facer a mesma ruta que tiñamos planeada''. O Camiño de Santiago a espera ''o próximo verán''.

Comentarios