O núcleo samonense de Bustofrío celebra este fin de semana as súas festas

Os festexos arrincan na noite deste sábado coa proxección ao aire libre de vídeos de anteriores celebracións

O núcleo samonense de Bustofrío, na parroquia de San Xoán de Lóuzara, organiza durante este fin de semana as súas festas en honra á Virxe dos Remedios.

Darán comezo na noite deste sábado coa proxección ao aire libre de vídeos de anteriores celebracións. Xa o domingo, as patronais arrincarán cunha alborada desde as 11.00 horas. A misa está prevista para as 13.30 horas, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo da charanga Os Imparables.

Pola tarde, serán os veciños de Bustofrío os que collan os seus instrumentos e deleiten aos asistentes coa súa música, nun intento por recuperar o filandón que se realizaba antes no núcleo. O grupo Mar d'Arousa pechará os festexos e animará a verbena desde as 22.00 horas.

O veciño Xosé García é o organizador das patronais, tomando a testemuña de Xulio Pérez, quen se encargou delas nos últimos anos. O novo ramista ponse ao mando con ganas de ver revitalizadas as festas, para o que presenta un programa que espera innovar todos os anos.

Nesta ocasión presenta como novidade a proxección de vídeos de pasadas celebracións, o que "será unha emotiva revisión ao pasado, onde haberá espazo para a reflexión sobre a esencia desta reunión e a lembranza a todos aqueles que non están", indicou o novo ramista das festas.

Comentarios