Nove nenos de Triacastela e O Incio gañan o certame literario dos Fanagueiros

Os galardóns entregáronse nun magosto, no que o Concello presentou un proxecto para pechar a pista polideportiva de Eirexalba

2018110614592699351
photo_camera 2018110614592699400

SARRIA. Nove alumnos dos colexios Ricardo Gasset do Incio e Eduardo Cela Vila de Triacastela foron premiados no trixésimo segundo concurso literario convocado pola asociación veciñal e cultural Os Fanagueiros da parroquia de Eirexalba, no Incio.

Na categoría de primeiro ciclo de primaria os gañadores foron Xián Maceda Campo, Sara López Teijeiro e Javier Moscoso Neira. O primeiro e o último estudan no centro do Incio, mentres que a segunda en Triacastela.

Aldara Campo Rodríguez, do colexio do Incio, foi a gañadora de segundo ciclo. Seguíronlle Dana Campo Rodríguez, do centro Ricardo Gasset, e Elba Louro Cela, do Eduardo Cela Vila. No terceiro ciclo os gañadores foron Aitana Valcárcel López, do Incio, María Lago Díaz e Rafael Núñez Díaz. Estes últimos estudan no colexio de Triacastela.

Os premios foron entregados durante un magosto organizado polos Fanagueiros, no que se deron cita uns 120 veciños. O colectivo tamén presentou un novo número da súa revista, a cal cumpre o próximo ano un cuarto de século de vida.

O evento tivo lugar na pista polideportiva de Eirexalba, para a que o Concello ten un anteproxecto para construír un peche perimetral. O documento foi presentado pola alcaldesa, Laura Celeiro, e as obras teñen un custo duns 46.000 euros. Para estes traballos o Concello prevé asinar un convenio coa Deputación e espera executalos en 2019.

O peche da pista polideportiva é unha antiga demanda dos veciños de Eirexalba. Desde fai máis dunha década a infraestrutura dispón de cuberta e pechala permitiría organizar un maior número de actividades no inverno nestas instalacións.

Comentarios