Nenos de oncoloxía peregrinan ata Santiago nun grupo de 200 persoas

A comitiva partiu de Sarria formada por 86 menores, familiares, equipo médico, cociñeiros e voluntarios da asociación Avoi de Málaga. "A súa forza está a deixarnos impresionados", di

Integrantes de la peregrinación por el Camino Francés a su paso por Sarria. EP
photo_camera Integrantes da peregrinación polo Camiño Francés ao seu paso por Sarria. EP

A Asociación de Voluntarios de Oncoloxía Infantil (Avoi) de Málaga escoitou en múltiples ocasións os familiares dos nenos e nenas ingresados no Hospital Materno Infantil desta cidade expresar o seu desexo de facer o Camiño de Santiago en canto fose posible. Ese soño acaba de cumprirse e estes días un grupo de 205 persoas peregrina cara a Compostela, partindo desde Sarria, nunha experiencia que supón todo "un reto" para elas.

A comitiva está formada por 86 menores, dos cales 60 son ou foron nalgún momento pacientes oncolóxicos neste hospital. Acompáñanos familiares, un equipo médico integrado por 13 profesionais, 25 voluntarios da asociación e o chef Sergio Garrido, que lles prepara con outros cociñeiros unhas comidas "fantásticas".

Quen así se expresa é Juan Carmona, presidente de Avoi, un colectivo con 26 anos de traxectoria, formado por 170 voluntarios que, cada día, acoden ao Hospital Materno Infantil de Málaga para facer actividades cos menores ingresados. Intentan "que estean o máis a gusto posible e que sigan sendo nenos", explica.

O pasado ano Avoi organizou unha serie de actividades benéficas para conseguir fondos de cara a esta peregrinación, cuxa infraestrutura non resulta nada sinxela, dado o gran número de participantes e as súas necesidades especiais. Varios nenos desprázanse en cadeira de rodas, dous dos peregrinos só teñen dous anos e outra menor precisa osíxeno pero, ante todo, "quere facer o Camiño".

"A forza que teñen está a deixarnos impresionados", asegura Juan Carmona, quen destaca "as paisaxes de ilusión dos que están a gozar e a convivencia no Camiño que os converteu nunha gran familia".

Saíron de Málaga en Ave ata Madrid e, desde alí, catro autobuses trasladáronos a Sarria, onde comezaron a camiñar o domingo. Na vila, contaron coa axuda do presidente da Asociación de Amigos do Camiño na Comarca, Jorge López, que lles buscou aloxamento en albergues. A el móstranse agradecidos, do mesmo xeito que á colaboración que reciben por parte dos Concellos polos que pasan. "Están a tratarnos de luxo en Galicia", afirma.

Ao final de cada etapa gozan de sesións de maxia e outras actividades organizadas polos propios voluntarios de Avoi. Esta gran aventura finalizará o sábado coa súa chegada a Santiago, onde, tal e como di Carmona, "oxalá os reciban con moitos aplausos".

Comentarios