Cinco nenos feridos en Sarria ao frear con brusquedade unha atracción das festas

Catro dos pequenos foron atendidos no PAC e outro foi trasladado ao Hula por precaución. A instalación foi precintada 

La atracción precintada. VILA
photo_camera A atracción precintada. VILA

Cinco nenos, con idades que poderían roldar entre os cinco e os trece anos, resultaron feridos este venres en Sarria ao frear con gran brusquedade unha atracción das festas de San Xoán.

Os menores foron atendidos no PAC de Sarria con distintas contusións e catro deles foron dados de alta pouco despois, pero o quinto foi trasladado por precaución ao Hula. A atracción na que tivo lugar o incidente é un tren e foi precintada pola Policía Local á espera de que un perito a inspeccione e determine as causas do sinistro e se todo estaba en regra ou non. A Policía Local e a Garda Civil, que tamén se acudiu no lugar, reclamaron aos propietarios a documentación e, en principio, contaba con seguro e non había nada anómalo.

A atracción está situada xunto á piscina climatizada. O resto de barracas do recinto festivo seguiu funcionando con normalidade tras o accidente, que tivo lugar ao redor das once da noite de onte.

A primeira xornada festiva resultou aciaga en Sarria, xa que, ademais do accidente no feiral, que en principio non parece que revista moita gravidade, un veciño perdeu a vida ao chocar a súa moto contra un vehículo.

Comentarios