Os nenos do colexio Frei Luis axudan á recuperación de montes queimados­

O centro sarriao ten en marcha durante todo o curso un programa de concienciación sobre o medio ambiente. A idea partiu dunha nai e implicou á Anpa e a profesionais do sector forestal

Unha charla celebrada no colexio Frei Luis de Sarria. EP
photo_camera Unha charla celebrada no colexio Frei Luis de Sarria. EP

Os preto de 400 nenos do colexio público Frei Luis de Granada de Sarria participan durante este curso nun proxecto de recuperación de montes queimados, ideado pola nai dun dos alumnos a raíz da vaga de lumes que asolou Galicia o pasado outubro.

A iniciativa busca amosarlles aos escolares o estado actual dos montes e proporcionarlles un método de rexeneración, facéndoos partícipes de todo o proceso e contando para iso coa colaboración dun grupo de profesionais do sector forestal, a Asociación de Nais e Pais (Anpa), a dirección e o profesorado do colexio Frei Luis e o Concello de Sarria, entre outros.

O fume provocado por aqueles incendios do mes de outubro cubriu por completo a vila de Sarria e outras moitas localidades galegas. "Os nenos comezaron a preguntar por que se facía de noite e por que había tanto fume", explica a nai dun dos alumnos, enxeñeira forestal, quen naquel intre pensou xa na posta en marcha dalgún proxecto para concienciar aos pequenos sobre a importancia de coidar os montes, "facelos partícipes" das consecuencias que poden ter os actos humanos e contribuír á recuperación da contorna.

Segundo explica, comentou a proposta con varios traballadores do sector forestal e coa Anpa do colexio, presidida por José Ángel Díaz Quintana. "A todos lles pareceu moi boa idea" e, coa colaboración do centro, lograron que fose un proxecto en horas lectivas ao longo de todo o curso 2017-2018 e para o conxunto do alumnado.

A programación comezou con charlas explicativas e cunha sementeira de landras por parte de cada uno dos alumnos para a súa plantación nalgún monte da zona entre finais de marzo e abril.

"Queremos que os nenos podan ir pisar un monte queimado e axudar á rexeneración", sinalou o presidente da Anpa. Segundo destacou, este proxecto amosaralles a importancia da vexetación, do solo e da fauna, ademais de mentalizar sobre a lacra dos incendios e o coidado do medio ambiente.

"Oxalá o ano que vén se fixeran máis cousas partindo deste proxecto porque como realmente se avanza é implicándoos dende nenos", apuntou a nai.

Comentarios