Xulgada unha muller por lanzar ao seu exmarido unha tixola á cabeza

A agresión tivo lugar en presenza do seu fillo menor de idade

Unha muller foi xulgada este venres no Penal número 2 de Lugo por supostamente lanzar ao seu exmarido unha tixola á cabeza na súa casa, sita no partido xudicial de Sarria. Está acusada dun delito de lesións no ámbito da violencia doméstica, agravado por perpetrarse o suceso no domicilio da vítima e en presenza do seu fillo menor de idade.

O fiscal pediu para a acusada unha pena de once meses de prisión, a privación do dereito á tenencia e porte de armas durante o prazo de tres anos e a prohibición de achegarse a menos de 200 metros da súa exparella, o seu domicilio e lugar de traballo, e de comunicarse con el por calquera medio ou procedemento durante o prazo de dous anos. Ademais, solicitou que a muller indemnice o home con 320 euros polas lesións, ao que habería que sumar os intereses legais.

O ministerio público mantivo a petición durante o xuízo, mentres que o avogado da procesada solicitou a súa libre absolución. Pola súa banda, a acusación particular retirouse xa hai uns meses da causa.

DISCUSIÓN. Segundo sinala o escrito do ministerio público, os feitos producíronse o 8 de abril de 2018 no domicilio que ambos compartían, pero estaban separados. O fiscal indica que a acusada comezou unha discusión co seu exmarido no transcurso da cal, "con intención de menoscabar a súa integridade física, lanzoulle unha tixola á cabeza, chegando a golpealo". Os feitos ocorreron en presenza do fillo da parella, tal e como recolle o escrito.

Por mor da suposta agresión a vítima sufriu "unha ferida contusa na cabeza", pola que precisou para a súa curación unha primeira asistencia facultativa, cun período de sanación de oito días non impeditivos e sen que resten secuelas, explica o fiscal.

Comentarios