sábado. 12.06.2021 |
El tiempo
sábado. 12.06.2021
El tiempo

Mon Devane crea un mural de Xela Arias na rúa que leva o seu nome

O mural, en proceso de elaboración. ocupa unha parede moi próxima á capela de San Lázaro. VILA
O mural, en proceso de elaboración. ocupa unha parede moi próxima á capela de San Lázaro. VILA
O Concello de Sarria promove esta iniciativa na honra da poeta oriúnda da Vilerma no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas

O artista galego Mon Devane, autor da serie de murais sobre persoeiros do Camiño de Santiago, está a elaborar na Rúa Xela Arias de Sarria outra destas impresionantes creacións artísticas coa imaxe da autora honrada este ano co Día das Letras Galegas.

O mural sobre Xela Arias é unha iniciativa do Concello de Sarria co beneplácito da familia da poeta con raíces na Vilerma (na parroquia de Maside), que facilitou tres fotografías para esta creación.

Entre elas escolleuse "por criterios artísticos" unha das imaxes máis recoñecidas da autora, que é a que está a plasmar o artista ourensán. O Concello sarriao fixouse en Mon Devane tras coñecer outros dos seus traballos —entre eles, o mural adicado a Xermán Arias en Triacastela e o do empresario de Portomarín Mario Mato na Praza de Galicia de Sarria— e encargoulle a recreación deste retrato de Xela Arias, que xa está a chamar a atención malia que aínda lle quedan uns retoques.

O mural loce na antiga Rúa José Antonio, agora bautizada co nome da poeta tras o acordo plenario adoptado o pasado mes de febreiro. Segundo explica a concelleira de cultura, Reyes Abella, a parede na que pode verse a obra pertence a dúas familias da vila que prestaron a súa autorización para tal fin, dándose a casualidade de que unha delas garda estreitos lazos de amizade coa nai de Xela Arias.

O goberno considera que esta zona é idónea para o mural por varios motivos: atópase na rúa que leva o nome da autora e preto da casa da cultura e do Porvir, onde a familia de Xela Arias rexentou o bar Castaño e aínda conserva casa. Ademais, está nunha pequena zona de descanso acondicionada polo Concello nun terreo froito doutra doazón veciñal e próximo á capela de San Lázaro, único resto dun hospital que atendeu a leprosos ata 1700. A maiores, resulta un punto visible para aqueles que accedan á vila dende a saída Sarria-centro do corredor.

O proceso de creación do mural comezou a pasada semana e rematará nos vindeiros días. Segundo a concelleira, a administración municipal tamén encargou xa os letreiros co novo nome da rúa, que estarán colocados nun breve prazo, ao igual que os pictogramas que se pintarán nos pasos de peóns desta vía para mellorar a autonomía de persoas con trastorno do espectro do autismo.

SERIE. Dentro dos actos de recoñecemento á autora sarriá, a vicepresidencia da Deputación tamén estrea hoxe, ás 20.30 horas, a serie Outras voces para as letras de Xela, que difundirá a través da canle de Youtube e das redes sociais. Trátase de 15 pezas audiovisuais nas que, entre outras persoas, escritores como Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar ou Claudio Rodríguez Fer homenaxean a esta activista das letras, da lingua e da acción social.

Mon Devane crea un mural de Xela Arias na rúa que leva o seu nome
comentarios