Moda de Paradela en París

Aos seus 25 anos, a deseñadora de Paradela Estefanía Pérez Rodríguez foi invitada por unha axencia para presentar unha colección propia en setembro na Semana da Moda de París

Interesada desde moi nova polo mundo da moda, a veciña de Paradela Estefanía Pérez Rodríguez verá cumprido un soño en setembro ao presentar unha colección propia, Renacer, formada por seis vestidos longos de festa na Fashion Week de París.

Estefanía Pérez, cun dos vestidos da súa colección. MIGUEL PEDROUZOA oportunidade chégalle da man da axencia de eventos Oxford Fashion Studio, que contactou con ela o pasado novembro tras descubrir os seus deseños a través de Instagram. "Ao principio non o cría. Escribín a outros deseñadores para ver se era real e todos me recomendaron asistir", explica a creadora, de 25 anos.

Segundo conta, a axencia ofreceulle a posibilidade de presentar a súa colección nos desfiles de Londres, Nova York, París ou Milán, sendo esta última a súa elección.

Con todo, un problema co hotel co que traballa este estudo na cidade italiana levou a descartar Milán e decantarse por París. Alí, os seus deseños poderán verse o día 27 de setembro en Le Grand Intercontinental, un establecemento hostaleiro de luxo situado na zona da Ópera.

Estefanía Pérez, quen ten a súa propia marca de roupa baixo o nome de Fashion Fairies, presentará seis vestidos de festa femininos prêt à porter. Dous deles xa os tiña confeccionados con anterioridade e os outros catro elaborounos por mor desta gran "oportunidade" que se lle presenta e para a cal tivo liberdade "total" de creación.

Todos eles son deseños propios, confeccionados en Galicia e con teas de provedores españois nas que predominan "tules bordados e crepes lisos".

"Eu inspírome en mulleres reais, pero un pouco coma nun conto de fadas, que se sintan únicas e especiais", comenta a deseñadora, quen emprega tules bordados con flores ou motivos de follas porque "as fadas están moi ligadas ao mundo da natureza".

A vinculación de Estefanía Pérez co mundo da moda comezou moi pronto. Entre os 14 e os 18 anos exerceu como modelo e incluso se proclamou gañadora do concurso Top Model Galicia, representando a comunidade no certame Top Model España celebrado en Barcelona. Aos 19 anos iniciou estudos na escola superior de deseño e moda Goymar da Coruña, continuando a súa formación por conta propia en corte e confección en Monforte e perfeccionando técnicas de debuxo, ilustración e outras en Lugo.

De cara ao futuro inmediato proponse estudar mercadotecnia para darlle saída ao seu negocio (ten unha tenda online co mesmo nome da súa marca de roupa).

Foi en 2015 cando fixo os seus primeiros deseños con motivo dunha feira de artesanía en Castroverde e, en 2017, iniciou a súa aposta forte por esta faceta. "É moda exclusiva. Só son catro modelos co mesmo patrón como máximo e sempre con teas diferentes, polo que non hai dous iguais", sinala.

Estefanía Pérez móstrase "emocionada" de poder levar a súa propia colección á Semana da Moda de París, onde espera facer contactos e publicitar a súa marca. "É un cambio radical. Estou bastante nerviosa porque non sei realmente o que me vou atopar alí, pero tamén moi emocionada e feliz por esta oportunidade", asegura a moza de Paradela. Segundo di, "pode ser o principio de algo grande e, se non o é, seguirei loitando para intentalo".

Comentarios