A mítica Sala Litmar de Sarria reabre o 4 de decembro

O Grupo Beatriz porá a música para levantar o pano da nova etapa do local inaugurado en 1967
Un concierto del Esmorga Fest en la Sala Litmar. CARLOS MELCHOR
photo_camera Un concierto del Esmorga Fest en la Sala Litmar. CARLOS MELCHOR

A mítica Sala Litmar de Sarria reabrirá as súas portas o próximo 4 de decembro. Así o anunciou a nova xerencia a través das redes sociais. O Grupo Beatriz será o encargado de pór a diversión na primeira noite da nova etapa da sala de eventos.

"Un novo equipo sitúase os mandos desta discoteca para facela soar coa mesma maxia de sempre e máis forza que nunca", explican nun comunicado nas redes sociais. Os novos xerentes son os propietarios do pub Glass.

O establecemento é un dos locais de lecer con máis soleira en Sarria. Litmar naceu como tal no 1967, pero foi en 1975 cando alcanzou o seu apoxeo coa inauguración das novas instalacións, formadas por unha gran sala de festas e de banquetes.

Ao longo da súa historia acolleu actuacións de artistas tan relevantes do momento como El Dúo Dinámico, Massiel ou Manolo Escobar. En 2004 pechou a discoteca, aínda que o restaurante continuou funcionando. Dous anos máis tarde, a familia propietaria anunciou a súa intención de deixar o negocio.

Desde 2008 sucedéronse varias xerencias e distintas etapas nas que a Sala Litmar acolleu todo tipo de eventos, desde desfiles ata festivais de música, ata que hai unhas semanas o último dono anunciou o seu peche.