Medio Rural prevé recuperar máis de 100 hectáreas de soutos no Incio

O conselleiro explicoulles o proxecto aos veciños e supervisou a rexeneración forestal dunha zona afectada por lumes no 2017
photo_camera O conselleiro, falando con veciños e cargos políticos no Incio. VILA

A Consellería do Medio Rural prevé recuperar máis de 100 hectáreas de soutos tradicionais no concello do Incio, pertencentes na súa maioría á zona de San Pedro, pero tamén a Trascastro e Santa Cristina. O titular deste departamento, José González, visitou o venres este municipio para explicar o proxecto nun encontro con veciños e para supervisar as tarefas de restauración forestal en montes afectados polo lume no 2017.

González presentou no Incio o plan estratéxico do castiñeiro, co cal o goberno galego quere actuar en 7.500 hectáreas de aquí a 2025, plantando 3.500 para froito, 2.000 para madeira e restaurando outras 2.000 de soutos, cun investimento público e privado de 22 millóns de euros. No horizonte do 2040 serán xa 8.000 hectáreas recuperadas e outras 16.000 plantadas.

Segundo dixo, O Incio é un dos concellos nos que Medio Rural pretende iniciar a recuperación de soutos tradicionais. En colaboración co alcalde, Héctor Corujo, teñen sinaladas dúas masas de soutos que superan as 100 hectáreas de terreos e que se adaptan para pór en marcha o proxecto.

Primeiro haberá que delimitar o perímetro e despois investigar a propiedade para conseguir o acordo dos seus donos. "A actuación ten que ser conxunta entre a Xunta e os propietarios, procurando tamén a recuperación de paisaxes tan extraordinarias como son estes soutos", explicou González.

"Non imos arranxar finca a finca, imos arranxar a totalidade do perímetro e, unha vez se delimite e teñamos o acordo dos propietarios, traballaremos coa figura da agrupación de xestión conxunta", concretou o conselleiro.

Asegurou tamén que o souto non é só un espazo de aproveitamento da castaña, senón tamén un lugar con valores medioambientais e un recurso turístico e paisaxístico, motivo polo cal construcións que poidan ser de interese como un sequeiro "imos tratar de recuperalas, igual que recuperaremos os camiños e faremos todo o posible para que o souto recobre o antigo esplendor", engadiu.

José González visitou tamén os traballos de recuperación do potencial forestal duns terreos situados arredor da aldea modelo de Trascastro que arderon hai cinco anos. Aquí, e no veciño concello de Samos, Medio Rural actúa nunhas 70 hectáreas, cun investimento de 400.000 euros, mediante plantacións, xeración de pastizais, arranxo de pistas ou creación dun punto de auga para carga de helicópteros e outro para
vehículos contra os incendios.

O conselleiro, que estivo acompañado do alcalde, o delegado da Xunta e a xefa territorial do Medio Rural, comprobou, ademais, o labor que se está a facer na loita biolóxica contra a praga da avespiña. Entre abril e maio soltáronse 1,2 millóns de exemplares de torymus sinensis (cun orzamento de 1,7 millóns) en masas continuas de castiñeiro para fixar poboacións estables "que logo colonizarán o resto de masas".

Comentarios