Medio Rural limpa unhas 14 hectáreas de terreo na aldea modelo de Trascastro

A posta en marcha deste proxecto no concello do Incio permite descubrir varias alvarizas
photo_camera O conselleiro, o alcalde e o promotor da explotación gandeira (centro) visitan as parcelas. VILA

Os traballos de campo para comezar a producir na primeira aldea modelo da provincia de Lugo están en marcha. Dende hai uns días, a Consellería do Medio Rural, a través da empresa Seaga, acomete a limpeza de 14 hectáreas de terreo en Trascastro, no concello do Incio, nas que se asentará unha explotación gandeira de vacas cachenas. A creación desta aldea modelo permitiu, ademais, descubrir a existencia de varias alvarizas, que poderían dar pé nun futuro próximo a un novo proxecto de apicultura na zona.

O conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou este martes os traballos de roza, que se desenvolverán en 178 parcelas ata o de agora sen uso. Son, na súa maioría, soutos e prados, propiedade dun cento de veciños do lugar, que deron o seu consentimento para participar neste proxecto.

Deste xeito, terán limpos os predios e percibirán unha renda por eles durante un período inicial de cinco anos que lles será aboada por José Armesto, un gandeiro de Trascastro que adicará estas terras á cría en extensivo da raza autóctona cachena. A Xunta, que actúa como intermediaria co apoio do Concello, asume a limpeza durante o primero ano e, ao mesmo tempo, realiza o levantamento topográfico das parcelas para a regularización no catastro.

Todo iso, segundo aclara o conselleiro, "protexendo os valados e sen tocar os marcos". "Trátase de que esta terra estea traballada e con rendemento. Onde antes había abandono, limpamos e preparamos para a actividade agrogandeira. O obxectivo das aldeas modelo é que a xente, en lugar de ter que pagar por rozar, pase a cobrar por arrendar", resume José González, quen sinala que este proxecto ten unha dobre función, de "prevención de incendios" e de "mobilización de terras".

Pola súa banda, José Armesto, quen tamén rexenta unha casa de turismo rural na parroquia, subliña a importancia de "ter os terreos limpos, acondicionar a aldea, potenciar a gandaría e crear proxectos no rural". Unha vez pechadas as parcelas, este gandeiro calcula que poderá comezar a utilizalas na vindeira primavera, inicialmente cunhas 25 vacas.

Será, segundo explica, unha produción ecolóxica nestas 14 hectáreas cunha posible ampliación en cinco máis. Armesto confía en que a aldea modelo sexa un distintivo de calidade de cara á comercialización da súa carne de cachena porque "a xente quere saber onde pace o animal".

A maiores, nos terreos incluídos neste proxecto descubriuse a existencia dun mínimo de tres alvarizas, nas que tamén se farán labores de limpeza para un futuro aproveitamento. O fillo de José Armesto xa amosou interese en participar con gando e abellas.

"Estas alvarizas descubrímolas agora cando empezaron a limpar. Para nós foi unha sorpresa e intentaremos que se recuperen e se introduzan nalgún tipo de explotación", apunta o alcalde do Incio, Héctor Corujo, quen ve na aldea modelo unha boa ferramenta "para darlle certo pulo ao rural".

Serán recuperados os soutos que se conservan na zona
O conselleiro do Medio Rural avanzou outra iniciativa que poderá ver a luz en Trascastro, consistente na recuperación dos soutos de castiñeiros tradicionais, que representan 40 hectáreas. "Buscaremos xuntalos ao proxecto da aldea modelo", comentou.
Nestes momentos son seis aldeas as que gozan desta consideración en Galicia. Xunto coa do Incio atópanse as dos concellos ourensáns de Cenlle, Monterrei, O Irixo, Carballeda de Avia e Boborás. Ademais, as novas solicitudes superan o medio cento. Na provincia de Lugo hai peticións en Oirán (Mondoñedo), Francos de Proendos (Sober), Bendollo (Quiroga), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Belesar (O Saviñao) e Seceda e Moreda (O Courel).
Máis de 20 aldeas están en trámite, que suporán actuar en 620 hectáreas, repartidas en 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios.
 

Comentarios