Un incendio calcina o faiado e a cuberta dunha vivenda de Sarria

Os habitantes da casa, situada en Lezoce, foron desaloxados, entre eles unha persoa encamada. Sospeitan que o lume puido ser provocado por un curtocircuíto ou un golpe de luz
Un vehículo de los bomberos, ante la vivienda afectada por el fuego en Sarria. L.P
photo_camera Un vehículo de los bomberos, ante la vivienda afectada por el fuego en Sarria. L.P.

Un incendio calcinou este martes o faiado e a cuberta dunha vivenda de Lezoce, na parroquia de San Xulián da Veiga (Sarria). O lume obrigou a desaloxar aos habitantes da casa, entre eles unha persoa de idade avanzada que se atopa encamada.

A propia familia detectou o incendio sobre as 13.30 horas. O propietario da vivenda decatouse de que saltaran os automáticos e viu fume, polo que deu a voz de alarma.

Os afectados trataron de apagar o lume cuns extintores e, ademais, baixaron a un familiar que se atopaba na primeira planta e está encamado.

Os bombeiros do parque comarcal desprazáronse con tres vehículos. Os labores de extinción prolongáronse ata as 16.45 horas, pois tiveron que retirar un parte da cuberta para evitar que quedase algún rescoldo. As lapas esnaquizaron o faiado, especialmente a zona central, e o resto quedou afectado o fume e o lume, pero non colapsou. Ademais, a auga usada para a extinción caeu na primeira planta.

Tamén se trasladaron ao lugar a Garda Civil, a Policía Local e, como medida preventiva, unha ambulancia do 061, aínda que os sanitarios non tiveron que atender a ninguén. Ademais, acudiron veciños con cisternas con auga.

Sospéitase que o lume puido ser provocado por un curtocircuíto ou un golpe de luz. Segundo explicou o dono, nas últimas xornadas estaban a sufrir "como se foran sobrecargas" e dous días antes do incendio quedaron danados os electrodomésticos. "Todo o enchufado nese momento merendouno ", asegurou o sarrián, quen solicitou a presenza dun notario para que levantase acta.

Na zona concentráronse un bo número de veciños, alertados polo fume e o despregamento. Tanto eles como a familia afectada destacaron que se o incendio chega a ser de noite poderíase producir unha desgraza. Os labores de extinción obrigaron a cortar ao tráfico a estrada LU-P-5701, que comunica con San Xulián da Veiga e Céltigos, e a circulación foi regulada polos axentes. O peche obrigou tamén a desviar o transporte escolar.