Luis Soto: "O mármore dálle á igrexa de San Pedro Fiz de Hospital unha sonoridade especial"

O seu grupo, Atlantic Mozart Flute Quartets, ofrecerá o concerto 'Mozart á galega' na igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio, onde tamén gravará un disco que será publicado por Edicións Xerais de Galicia dentro dun libro da escritora Fina Casalderrey. Con este traballo queren "divulgar, fomentar e educar nesta música".
Luis Soto. EP
photo_camera Luis Soto. EP

O Concello do Incio programa un concerto de Atlantic Mozart Flute Quartets, que presentará, o próximo día 5 de xuño, ás 20.00 horas, na igrexa de San Pedro Fiz de Hospital Mozart á galega

Vinculan a música de Mozart coa tradicional galega? 
Mozart escribiu catro cuartetos con frauta, violín, viola e violonchelo, un cuarteto clásico. Son cuartetos moi célebres, moi gravados, moi tocados. A Mozart cando era neno levárono de viaxe por toda Europa, imaxineime que a este neno o trouxeran a Galicia, e, se viñese aquí, que é o que escoitaría. Entón decidín gravar estes cuartetos engadíndolle catro músicas tradicionais moi representativas, como son A Carolina o Alalá das mariñas ou Teño un amor en Rianxo

Por que elixiron eses temas? 
Buscaba que as músicas enlazaran en canto a carácter e a tempo. En carácter e tonalidade son perfectas, se Mozart tocase outras músicas probablemente tería que elixir outra música tradicional que realmente enlazase. A cuestión está en que cando remata o concerto de Mozart e empeza a música tradicional non te sorprendes. Enlazan de tal xeito que se unha persoa non coñecese esas músicas, podería dubidar se está escoitando Mozart ou unha música tradicional galega. 

E publicarán un libro-disco? 
Si. Con esta fantasía na cabeza chamei a Fina Casalderrey. Como no fondo o interese está en divulgar a música en xeral e a clásica en particular, propúxenlle se sería quen de contar esta historia e aceptou. Escribiu un libro onde narra a vida real de Mozart e dun xeito fantástico tráeno ata Galicia. O libro xa está escrito e vai ser publicado por Edicións Xerais de Galicia xunto con este disco que irá dentro do libro. É un xeito de divulgar, fomentar e educar nesta música. En todo caso, estamos poñendo ao mesmo nivel a Mozart e a música tradicional galega. 

Con 'Mozart á galega' estamos poñendo ao mesmo nivel a música de Mozart e a música tradicional galega

Na igrexa de San Pedro Fiz de Hospital gravarán o disco, farano a posteriori ou no propio concerto? 
O concerto probablemente non o gravaremos. Está previsto a sesión de gravación o día seguinte. O día 5 estaremos facendo ensaios e a noite agasallamos aos veciños do Incio pola súa acollida co recital completo. É un recital dunha hora, onde imos tamén contando por que facemos iso, é como unha abocación de quen foi Mozart e que tería sido del se viaxa a Galicia, estou seguro que o ‘Alalá das mariñas’ estaría nunha aria dunha ópera del. 

Por que escolleron para gravar o disco a igrexa do Incio? 
Pola singularidade do espacio, pola sonoridade, o mármore dálle a esa igrexa unha sonoridade especial. Así mo fixo saber un enxeñeiro de son que gravou alí noutras ocasións e díxome: ese é o sitio que tes que usar. A igrexa é un sitio moi especial, ten unha sonoridade perfecta para esa gravación, para non ter que retocar no estudio absolutamente nada, simplemente recollemos o que soa na propia igrexa, que é un lugar máxico para iso. 

Tocara anteriormente no Incio? 
Visiteino moitas veces, pero nunca tocara alí. Fainos especial ilusión, de aí que ofrecéramos facer o recital, porque ao final o máis fermoso que podes facer é compartir este mundo, especialmente con aqueles que non teñen tanta oportunidade. De feito, na Semana Santa fun de visita de sendeirismo polo Teixedal de Casaio, en Trevinca, cos meus nenos, cos que teño o Trío do Acivro, levamos os instrumentos e improvisamos un concerto na praza de Casaio. Foi do máis fermoso que fixen nos meus 30 anos de carreira como músico profesional, na Real Filharmonía de Galicia e tocando en salas de todo o mundo.

Comentarios