Lucía Pérez: "O Camiño de Santiago é máxico"

A cantante do Incio recibe o título de embaixadora da ruta xacobea en Triacastela
Lucía Pérez, no acto de nomeamento de embaixadora do Camiño. EP
photo_camera Lucía Pérez, no acto de nomeamento de embaixadora do Camiño. EP

Malia que pasaron máis de tres anos dende que percorreu o Camiño de Santiago, Lucía Pérez non esqueceu aquela experiencia. Co recordo aínda vivo dos 790 quilómetros que marcaron as súas botas, a cantante do Incio recibiu onte en Triacastela o título de embaixadora da ruta xacobea neste concello, distinción que aceptou con agrado porque para ela "o Camiño de Santiago é máxico".

O nomeamento da que foi representante de España no festival de Eurovisión do ano 2011 forma parte do proxecto O Camiño a Bocados-My Way’ da Asociación Xóvenes Emprendedores Lucenses (Axel), que pretende así poñer en valor a gastronomía e o patrimonio natural e cultural das zonas polas que transcorre esta ruta.

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, recibiron a Lucía Pérez na casa do concello, onde lle fixeron entrega dun medallón que a acredita como embaixadora do Camiño Francés, xunto cunha peza de cerámica, un libro sobre a historia do municipio e unha cesta con produtos locais.

"Todo o que veña da man do Camiño tócame ao corazón", asegurou Lucía Pérez, que lembrou a súa peregrinación dende Roncesvalles xunto a Tonhito de Poi para o programa da televisión autonómica Destino Santiago. "Durante 40 días descubrín este Camiño que está cheo de historia, de soños, de recordos, natureza e gastronomía", sinalou a cantante, para quen foi unha experiencia "que por moito que expliques con palabras nunca chega a definirse como tal porque hai que vivila".

Por iso, a artista do Incio non dubida en recomendar percorrer a ruta, sempre que sexa posible sen límite de tempo e dende longa distancia para "empaparse" dun ambiente único. "Foi o único momento da miña vida que desconectei co resto do mundo. Iso é algo que é marabilloso e que eu conseguín co Camiño», afirmou.

"Recibir precisamente a distinción de embaixadora de Triacastela, que a considero case como a miña casa, faime moi feliz. Sempre levo a través da miña música e da miña persoa a Galicia, Lugo, O Incio e agora, tamén por suposto, a Triacastela", engadiu a artista, que pechou o acto coa interpretación dun anaco do seu tema Torres de Compostela.

"Temos vida e queremos vivir aquí"
A alcaldesa de Triacastela pediulle a Lucía Pérez que reivindique este concello coma un "fito importante" no Camiño Francés. Olga Iglesias sinalou tamén que, malia ser un concello pequeno, Triacastela "ten moito que ofrecer".

"Temos vida e queremos vivir aquí", asegurou a rexedora, quen enxalzou os produtos locais. "Estamos seguros de que a nosa embaixadora saberá levalos polo mundo adiante para que a xente veña a Triacastela e os poida probar", dixo.

Preparan un concerto. O Concello de Triacastela e Lucía Pérez agardan poder organizar en datas próximas, sempre que a situación sanitaria o permita, un concerto da artista na localidade. "Oxalá que pronto poda dar a noticia de que como embaixadora de Triacastela devolvo ese cariño que me mostraron coa miña música, concluíu a cantante.

Comentarios