Lois Gutiérrez plasma en fotografías a súa vivencia durante o confinamento

O creador estrea exposición no Garaxe de Sarria con imaxes de obxectos cotiáns que cobraron especial relevancia na corentena
X. Lois Gutierrez. FORMOSELLE
photo_camera X. Lois Gutierrez. FORMOSELLE

Cando a vista se adapta á escuridade comeza a percibir as formas. Un proceso semellante foi o que experimentou X. Lois Gutiérrez Faílde, que estrea no Garaxe de Sarria a exposición fotográfica Todo era noite, na que recolle a súa vivencia do confinamento a través de imaxes de obxectos cotiáns que cobraron un sentido especial durante a corentena.

Segundo explica o autor, profesor de Historia da Arte e Cultura Visual no instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria, todo comezou "como unha especie de xogo visual íntimo" co que lidar a ansiedade dun período excepcional como foi o confinamento motivado pola pandemia do covid-19.

"Empecei a fotografar obxectos cotiáns que se fixeron tremendamente importantes eses días, por exemplo, o xabón, as menciñas, lixivia... Obxectos que seguramente todos usamos durante o confinamento e aos que a min me gustaba darlle unha certa entidade ", relata X. Lois Gutiérrez, quen compaxina o labor docente coa creación visual e a escritura.

Como parte deste "xogo persoal " deixou a cámara e as lentes dos obxectivos expostas ás partículas do aire durante varios días, de xeito que as imaxes se rexistraron "como contaminadas", enlazando coa sensación de que o "bicho estaba por todas partes".

NOVA VISIÓN. A través desta exposición, que entronca tamén "coa idea barroca dos bodegóns", o fotógrafo aborda o espertar da sensibilidade durante a corentena e reflexiona sobre como "a vulnerabilidade e o sentido da incertidume propios daquel momento podían ser sufocados coa mirada atenta e entregada cara á nova beleza que a contemplación deses obxectos producía".

"O confinamento foi tamén un momento para recuperar a parte de cultura que ten a visión", afirma Lois Gutiérrez, quen define a corentena coma unha sorte de "tempo morto" e unha "oportunidade extraordinaria para estar con un mesmo e prestarlle atención ás cousas que nos rodean".

"A pesar de todo o medo, ansiedade e incertidume, había tamén unha recuperación da visión e iso axudoume moitísimo", engade o autor, quen eses días tivo moi presente a tese do poeta Hölderlin conforme "onde está o perigo medra tamén o que o salva".

EN BRANCO E NEGRO. A exposición componse só de cinco imaxes para darlle certa "austeridade", todas elas en branco e negro acompañadas dun pequeno texto. "Interesábame que foran en branco e negro para que non tivesen a viveza e a inmediatez de instagram, porque non era unha ocorrencia de instagram, era a necesidade de ver eses obxectos", comenta.

A mostra inaugurouse o pasado xoves no espazo multidisciplinar O Garaxe de Sarria, na Avenida de Becerreá, onde permanecerá aberta durante un período aproximado dun mes e poderá visitarse en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 pola semana.

X. Lois Gutiérrez (Lalín, 1976) tamén ten publicado o fotolibro Aires de familia e exposto en Madrid, Barcelona, Bilbao, Santiago de Compostela ou, recentemente, no Festival de Fotografía da Coruña, onde amosa o seu labor como editor no selo Alauda Negra.

Comentarios