A Garda Civil localizou na mañá deste mércores a Lisardo López, empresario sarrián do sector do moble que faltaba desde este martes do seu domicilio.
As forzas de seguridade atopárono preto da súa empresa, desorientado, e trasladárono a un centro médico para que sexa sometido a unha revisión.
ALARMA. A voz de alerta pola desaparición do empresario produciuse este martes tras ter coñecemento de que acudira á primeira hora á súa empresa, en Vilapedre, para ausentarse ao pouco tempo avisando a unha empregada para que fose abrir e deixando no lugar o vehículo no cal se desprazaba e, segundo algunhas fontes, unha nota cuxo contido daría pé a que saltasen as alarmas.
Ao parecer o seu teléfono móbil estivo operativo un tempo despois da desaparición, tras o cal deixou de sinal. Nas labores de procura participaron varias patrullas da Garda Civil, integrantes da Policía Local de Sarria e membros de Protección Civil.