Unha liña de evacuación afecta a máis de 1.700 predios en sete municipios

Sarria é o concello con máis propiedades incluídas, unhas 500, pero tamén hai en Paradela, Láncara, Baralla, Becerreá, O Saviñao e Chantada para dar servizo a cinco parques eólicos
                      Un grupo de veciños e veciñas mantiveron unha reunión con este motivo en Fontabuín.
photo_camera A línea de alta tensión xa motivou en febreiro unha reunión de vecños de Sarria. AEP

Un total de 1.719 propiedades de sete concellos lucenses figuran na listaxe de bens e dereitos afectados por unha liña de alta tensión que dará servizo a catro futuros parques eólicos. O maior número de predios, máis de medio milleiro, atópase localizado no concello da Sarria, tamén hai centos de terreos en Láncara, Paradela, Baralla, Becerreá, O Saviñao e Chantada.

O proxecto atópase na fase de exposición pública e varios propietarios comezaron a presentar alegacións. Foi publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 25 abril e, ao día seguinte, abriuse o prazo dun mes para formular reclamacións ou observacións que se consideren oportunas.

Promovido pola empresa Enel Green Power España, o proxecto técnico leva por nome LAT 220 kv SET PE Chao do Marco-SE Belesar (REE) e SEC Soilán. Afecta a estes sete concellos lucenses e ten un orzamento de execución de máis de strong <>23 millóns de euros.

As liñas e instalacións de alta tensión, de 220.000 voltios, discorrerán por estes municipios, desde Chao do Marco, na zona de Becerreá, ata a subestación colectora de Soilán para continuar ata Belesar, en Chantada.

Servirán para a evacuación conxunta de cinco parques eólicos, denominados Chao do Marco, Serra do Furco, Serra do Colmo, Serra de Piñeira e A Pena.

As liñas divídense en sete tramos, na súa maioría aéreos, pero tamén subterráneos e aéreo-subterráneos, ao longo de máis de 81 quilómetros. A maiores, o proxecto prevé a creación da subestación colectora Soilán, con reserva de espazo para o posible futura chegada dunha liña de alta tensión que resolva a conexión co parque eólico Reboiro.

O órgano competente para autorizar estas instalacións eléctricas é a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturaias. Nestes momentos a Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública (que levará implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a súa urxente ocupación), a autorización de construción e o estudo de impacto ambiental.

Unha plataforma veciñal

Veciños de Sarria tiveron coñecemento deste proxecto a finais de xaneiro e principios de febreiro, e comezaron a reunirse e organizarse, creando unha plataforma de afectados, aínda que nese momento aínda non saíra a información pública.

En marzo mantiveron unha reunión co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, en Fonteabuín, na cal o rexedor lles animou a presentar trazados alternativos.

Nos últimos días, un veciño de Sarria, Iago Quiroga López, difundiu en Youtube un vídeo sobre esta liña de alta tensión, promovida pola mesma filial de Endesa que construíu nos últimos anos un parque eólico en Paradela.

"Unha das liñas atravesa gran parte da leira que a miña familia leva coidando décadas, téndoa como un proxecto de preservación natural, con árbores centenarias autóctonos", explica no seu vídeo. Considera que se trata dunha "inxustiza" que afecta tamén a zonas de hábitat de especies como a lechuza común e avanza que están a desenvolver un contraproyecto "para evitar os danos ao medio ambiente".

Comentarios