Láncara autoriza o uso dunha parte do polifuncional para a Casa Niño

O Concello cede un espazo no pavillón do campo da feira por un período de catro anos e cun aluguer mensual
2020092817302323579
photo_camera Edificio utilizado como polifuncional no campo da feira da Pobra de San Xiao. ARQUIVO

A apertura da segunda Casa Niño do municipio de Láncara está un pouco máis cerca despois de que o Concello, por decreto de alcaldía, autorizase o uso para este fin de parte das instalacións do polifuncional do campo da feira da Pobra.

A cesión realízase por un período de catro anos e cun aluguer mensual de 200 euros que deberá abonar a promotora do proxecto, segundo informa o alcalde, Darío Piñeiro, quen defende que este futuro servizo "nunca perigou por culpa do Concello".

O novo espazo para a conciliación laboral e familiar é unha iniciativa de Gemma Fontenla, a quen a Consellería de Política Social concedeu este mes unha subvención para a posta en marcha dunha Casa Niño co nome As pegadas máis enxebres.

A promotora sinala que as instalacións ocuparán unha superficie duns 50 metros cadrados e terán unha entrada independente. Unha vez confirmada a cesión por parte do Concello coas condicións estipuladas, iniciará de inmediato a reforma deste espazo para poder equipalo e comezar a prestar este servizo ás familias canto antes.

A Casa Niño diríxese a menores de 0 a 3 anos e é gratuíta. Láncara conta con outra similar desde hai un tempo, pero existe demanda suficiente para cubrir prazas en ambas dado que hai 43 nenos nese tramo de idade.

Comentarios