As mozas creadoras abren a cuarta Escolma de Cinema Galego de Sarria

A casa da cultura acolleu a proxección dunha curtametraxe elaborada por alumnas dos dous institutos

Cuarta edición de la Escolma de Cinema Galego de Sarria. PORTO
photo_camera Presentación dun curto de alumnas dos institutos na casa da cultura. PORTO

A cuarta edición da Escolma de Cinema Galego de Sarria foi inaugurada este venres coa proxección dunha curtametraxe realizada por alumnas dos dous institutos da vila (Gregorio Fernández e Xograr Afonso Gómez).

As mozas rodaron o traballo durante un taller de creación audiovisual impartido pola cineasta Anxos Fazáns dentro da programación desta Escolma. As alumnas presentaron a curta na casa da cultura durante un acto que reuniu a un gran número de veciños.

O certame, organizado pola concellaría de cultura, continúa este sábado coa proxección de seis filmes. Na sociedade A Unión poderanse ver desde as 12.30 horas as curtametraxes Caerán lóstregos do ceo, Salitre nas veas e O porco e o seu espírito do director Adrián Canoura.

Pola tarde o cine trasladarase á casa da cultura, onde se presentarán a partir das 17.00 horas Os fillos da vide de Ana Domínguez, A estación violenta de Anxos Fazáns e Trinta lumes de Diana Toucedo. Un concerto de Baiuca pechará os actos. A actuación será ás 23.30 horas na Unión.

Comentarios