Bello: "O presidente do PP xogouma claramente no 2007 e volveu suceder"

O concelleiro vén de dar a sorpresa en Sarria como alcaldable de Ciudadanos. Só uns meses despois de intentar postularse para presidente no congreso local do PP, José Manuel Bello deixa por segunda vez o partido, como xa fixera no 2007, para encabezar outra lista, molesto porque a dirección local relegouno "ao galiñeiro".
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera José Manuel Bello Rodríguez, no Malecón. VILA

Leva en política dende 2003, cando formou parte por primera vez da lista do PP de Sarria. No 2007 presentouse por Tega e nos anos 2011 e 2015, por IG. José Manuel Bello, ata hai uns días voceiro do grupo municipal do PP, será agora o candidato de Cs. Mantén a acta de edil, pero non adscrito.

Hai uns días, cando renunciou a seguir como voceiro do grupo municipal do PP, dixo que non estaba molesto por non formar parte da lista deste partido e que asumía "perfectamente" esa decisión. Parece que ao final non foi así.
Fixen esas declaracións porque non sabía cal ía ser a lista. A candidata meréceme todo o respecto do mundo, estou de acordo con ela, pero a dirección do partido trata de facer ver unha renovación que é unha cortina para despistar.

Se fose vostede na lista tampouco sería moita renovación porque leva vinte anos en política...
Claro, pero se plantean unha renovación ten que ser a todos os niveis, non renovar para tratar de colocar unha serie de xente afín ao presidente. Tampouco é renovación se no seu momento xa estiveron con el. Foi unha desculpa barata para desprazarme da miña posición de concelleiro.

Non se considera un rebotado?
Eu non estou de acordo coa actitude que tivo o PP comigo despois do labor que fixen durante os catro anos. Creo que estiven en todo momento onde me pediu o partido e agora síntome como unha persoa totalmente inútil para el.

Ese mesmo camiño, de PP a outra lista, xa o percorreu no ano 2007.
No 2007 foi unha decisión parecida porque eu levaba dous mandatos, non como concelleiro, pero traballando co partido a tope como militante. Nese momento, o partido, co mesmo presidente, que era Fernando Carlos Rodríguez, decidiu non contar comigo porque houbo a integración con Inga.

Agora preséntase por Ciudadanos. Por que non utilizou as siglas de Independentes de Galicia que xa usara nos anos 2011 e 2015?
Cando decidín presentarme fun rescatar as siglas e dende marzo están inutilizadas ou ilegalizadas. Eu non recibín notificación, non sei cal foi o motivo, non quero pensar mal pero atopeime cunha sorpresa. Á dirección de Ciudadanos de Lugo estoulle superagradecido. É o partido que máis se acerca á miña posición ideolóxica.

Afiliouse xa?
Estamos en curso con iso.

E renunciou á acta de edil?
De momento son concelleiro. O que fixen foi pasarme ao grupo de non adscritos. Eu non quero prexudicar ao PP neste momento e que perda as votacións a oposición por culpa de eu renunciar.

Entón vai votar no mesmo sentido que o PP no pleno de mañá?
Eu adquirín a acta dentro do PP e nos plenos aos que vaia vou votar as decisións que tome o PP.

Deixará a acta pasado ese pleno?
Si, sempre que non haxa asuntos que fagan perder as votacións á oposición. A incorporación doutra persoa pode levar un mes e conlevar que o goberno tome decisións aproveitando esa situación. Eu non lle vou facilitar ao goberno que aproveite a miña saída.

Cs concorreu nas eleccións do 2019 con outro expopular, Luis Álvarez Rey, que obtivo 313 votos. Con que expectativas sae vostede?
Coa expectativa de sacar o mellor resultado, de darlles opción a todos aqueles cabreados e enfadados polas actitudes que ten o PP de non marchar a partidos de esquerda.

Que persoas o acompañan?
Veciñas e veciños en contacto co pobo, independentes que na maioría non estiveron en política.

Presentou a candidatura de Cs só unha hora antes de pechar o prazo e no mes de setembro, cando se celebrou o congreso local do PP, retirouse da loita pola presidencia do partido tamén horas antes. Parece que sempre actúa in extremis.
Presenteina no último momento vendo a presión que había coa xente que quería ir na candidatura. Se xogo con cinco ou seis días de marxe tería moitos máis problemas. No congreso de setembro ao presidente non lle debeu gustar a miña retirada porque en canto puido mandoume ao galiñeiro.

Naquel congreso, tiña algún acordo con Rodríguez para retirarse da liza e por iso está agora molesto?
É certo que nunha conversa con Fernando Carlos dixo que debía retirarme porque non tiña apoios e que se el saía contaban comigo, pero iso a min non me influíu. Eu sabía que Fernando Carlos no seu momento ma xogara claramente e cando esa faena cha fan unha vez pódencha volver facer. E podemos comprobar que volveu suceder. Eu non me retirei por un acordo, retireime porque non tiña posibilidade de gañar e quería os mínimos enfrontamentos no partido.

Chegado o caso, con quen pactaría despois do 28 de maio?
Non hai dúbida de que eu a Claudio Garrido de alcalde non o podo poñer nin o vou poñer.

Comentarios