Jorge Blass será un dos 18 magos que actuarán no festival de Sarria

Ilusionistas recoñecidos a nivel internacional como Christian Engblom ou Jessica Guloomal actuarán por primeira vez no certame de maxia sarrián. O evento será desde o día 20 ao 23
Jorge Blass. AEP
photo_camera Jorge Blass. AEP

O Festival Internacional de strong <>Maxia Vila de Sarria celebra o seu décimoquinta edición congregando a 18 artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo, como Jorge Blass, Christian Engblom ou Jessica Guloomal. O evento, que terá lugar do día 20 ao 23 deste mes, está organizado por Roberto Lolo co apoio do Concello como patrocinador e a colaboración da Xunta.

O elenco dos 18 artistas estará formado por Jorge Blass, Christian Engblom, Dani Daortiz, Miguel Ángel Gea, Dania Díaz, Toni Pons, Jessica Guloomal, Dani Polo, Raymon, Raúl Camagüey, Román García, Roberto Lolo, o mago Rafa, Judith Trilirí, Samuel Moreno, Nacho Samena, o mago Iago e Javi Rufo.

Lolo asegurou que debido ás circunstancias da pandemia este ano está a ser "atípico". Por iso, o organizador apuntou que non celebra o décimoquinto aniversario como tiña pensado antes do Covid-19. "O obxectivo deste festival será recuperar o sorriso perdido que nos borrou o virus", dixo, engadindo que a celebración do aniversario realizarase "cando pase todo".

O virus provocou un descenso no número de ilusionistas respecto doutras edicións. Con todo, o afán de Lolo por manter o nivel de calidade leva a que actuarán por primeira vez en Sarria artistas como Jessica Guloomal, consagrada tras participar no programa de televisión Pura maxia, ou Christian Engblom, recoñecido mundialmente. O organizador quixo agradecer o compromiso de todos os magos, xa que "fan un esforzo moi grande".

Para contactar con Engblom, Lolo precisou a axuda dos Fat Brothers (Dani Daortiz e Miguel Ángel Egea), ao que lles une "unha gran amizade". O sarrián chanceou con que "fixeron de celestinos" e agradeceu que acuda o filandés, ao que non coñecía previamente.

Entre as actuacións haberá un singular. Será a do mago Iago, un monfortino de tan só sete anos. Apareceu o ano pasado na gala final compartindo escenario con Roberto Lolo e creou "sensación". Será un evento especial, xa que "non hai meigos que actúen a esa idade", sentenciou Lolo.

Comentarios