Dá positivo en alcol o condutor dun taxi en servizo en Sarria

O home trasladaba a oito persoas que facían o Camiño de Santiago

Taxi. EP
photo_camera Taxi. EP

A Garda Civil de Lugo interceptou ao condutor dun taxi en servizo que obtivo resultado positivo na proba de alcoholemia á que foi sometido en Sarria cando trasladaba a oito persoas que facían o Camiño de Santiago.

Segundo informou o Instituto Armado, ás 9.28 horas do domingo 13 de maio foi interceptado o vehículo no quilómetro 50,2 da estrada LU-633, que une Pedrafita e Palas de Rei, no termo de Sarria.

Unha patrulla do Subsector de Tráfico de Lugo que desenvolvía a campaña de vixilancia de Rutas Ciclistas Protexidas detivo a marcha dun vehículo de transporte público de viaxeiros que trasladaba a oito persoas que realizaban o Camiño de Santiago.

O condutor do taxi, un home de 36 anos e veciño de Sarria, foi sometido ás probas de alcoholemia nas que obtivo un resultado de 0,40 e 0,41 miligramos por litro de aire expirado.

Por iso, relatan as mesmas fontes, o condutor foi proposto para sanción ante a Xefatura Provincial de Tráfico e o vehículo permaneceu inmobilizado no lugar dos feitos durante 20 minutos ata que se presentou o propietario da empresa de taxis, que se fixo cargo e continuou a marcha cos viaxeiros.

A Benemérita recorda que a sanción por estes feitos "pode carrexar un importe de mil euros e seis puntos no saldo do permiso de conducir".