Tres incendios de baixa intensidade queiman máis de dúas hectáreas

Os focos tiveron lugar nos concellos de Sarria, Paradela e O Incio ao longo do xoves
Un avión antiincendios, en servicio. AEP
photo_camera Un avión antiincendios, en servizo. AEP

Tres incendios de terreo non forestal tiveron lugar a longo do xoves na comarca sarriá, queimando un pouco máis de dúas hectáreas. Todos eles -orixinados nas parroquias de Barbadelo, San Xoán de Noceda e San Miguel de Goián- foron de baixa intensidade e non provocaron danos persoais nin materiais.

A principal hipótese que se baralla desta actividade incendiaria inusual reside nas altas temperaturas que está a soportar a comarca, o que provoca unha maior sequidade do terreo que favorece este tipo de sucesos. Debido a estas circunstancias, nos tres focos foi necesario tanto persoal terrestre como apoio aéreo co obxectivo de evitar na maior brevidade posible a propagación a zonas lindeiras nas que se atopan domicilios.

O lume que máis extensión abarcou orixinouse na parroquia de San Xoán de Noceda, pertencente ao concello do Incio, onde as chamas arrasaron dúas hectáreas. Para apagalo, foi necesario que acudisen ao lugar tanto helicópteros como hidroavións e peóns da brigada contra os incendios, motobombas , axentes forestais e incluso o técnico do distrito.

En Santiago de Andreade -municipio de Paradela- o incendio queimou 2.000 metros cadrados de terreo non forestal. Ata a zona tivéronse que desprazar tanto de axentes da brigada contra os incendios, motobombas como hidroavións e helicópteros.

O primeiro incendio da comarca que tivo lugar xoves foi na parroquia sarriá de Barbadelo, que deixou 1.500 metros cadrados queimados. Para sufocar o lume fixo falta o uso de medios aéreos, con helicópteros e hidroavións, e terrestres.

Desde Consellería de Medio Rural recordan que a tempada de alto risco de incendios forestais prolongarase ata o próximo día 30 de setembro e que, polo tanto, quedan prohibidas accións como queima de restos agrícolas e forestais amontoados.

Comentarios