O incendio ocorrido nunha vivenda do Páramo debeuse a un curtocircuíto

A alerta por un lume na cheminea dunha casa no núcleo sarrián de Betote de Arriba motivou un despregamento de medios e quedou finalmente nun susto

O incendio ocorrido o pasado martes nunha vivenda do municipio de O Páramo debeuse a un curtocircuíto, segundo informou a propietaria do inmoble.

O lume afectou a unha casa do lugar de Lamabelide, na parroquia de Sa, que non se utiliza como residencia habitual e que resultou con danos de consideración en varias dependencias.

O suceso motivou a apertura dunha investigación porque, ao parecer, detectáronse varios focos de calor no seu interior, aínda que finalmente constatouse por parte dun perito que foi motivado por un curtocircuíto que descarta calquera intencionalidade.

SARRIA. Por outra banda, este venres recibiuse un aviso de incendio na cheminea dunha vivenda do núcleo sarrián de Betote de Arriba, que provocou un despregamento de medios. Por fortuna quedou nun conato e nun susto.

Un particular avisou ao servizo de urxencias 112 Galicia sobre as 13.30 horas ao ver que saía fume e chamas dunha casa, onde gritaba unha persoa.

A alerta mobilizou de inmediato tanto aos bombeiros do parque comarcal de Sarria, como a unha ambulancia e aos axentes da Policía Local ante o temor a que puidese estar a arder unha vivenda con alguén dentro.

Finalmente todo quedou nun susto porque o lume foi só un conato nunha cheminea que apenas causou danos no inmoble e que puido ser extinguido con facilidade. Tampouco houbo que lamentar danos persoais.