sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

A igrexa de Santa Cruz do Incio, novo Ben de Interese Cultural

undefined
A igrexa do Incio, obra de José Luis Fernández del Amo. VILA
A Xunta subliña que o templo é unha mostra "excepcional" da arquitectura do movemento moderno

O Consello da Xunta declara este xoves Ben de Interese Cultural (BIC) a igrexa de Santa Cruz do Incio, coa categoría de monumento e nivel de protección integral. O templo, obra do madrileño José Luis Fernández del Amo, é unha mostra "excepcional" da arquitectura do movemento moderno, destaca a Administración autonómica.

A declaración de BIC faise extensiva a máis de 40 bens do interior da igrexa, os cales son de especial "interese patrimonial" e que se integran no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, explica a Xunta. Entre eles figuran 24 bancos deseñados polo propio Fernández do Amo, dous confesionarios, unha pila bautismal e outra de auga bendita, o altar principal e outro lateral, a talla da Virxe de Santa Cruz do Incio, crucifixos ou viacrucis. No templo tamén destacan as vidreiras, parte delas elaboradas polo artista José Luis Gómez Perales. Este conxunto de pezas é mostra "da integración das artes e da súa capacidade expresiva".

A Xunta outorga a distinción á igrexa polos seus "notables valores arquitectónicos e culturais". É considerado "un exemplo singular" entre o patrimonio moderno da comunidade e da nova construción eclesiástica española. Para a súa declaración como BIC valorouse o escaso número de inmobles de arquitectura moderna do período e que está situado nun pequeno pobo rural, as "excepcionais" condicións de integridade do templo, a súa calidade arquitectónica, as pezas artísticas e artesás do interior, e o "diálogo que establece coa propia arquitectura histórica", explica.

A distinción, que se aproba este este xoves, faise extensiva a máis de 40 bens do interior

Coa súa aprobación como Ben de Interese Cultural finalízase un proceso iniciado en 2017, ano no que a Universidade da Coruña presentou un traballo encargado pola Xunta para o estudo de proposta para outorgarlle a distinción. A partir de aí a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pediu o parecer dos órganos asesores e consultivos, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Escola Técnica, que concluíron cun informe favorable. Por iso, Patrimonio incoou o expediente en xuño de 2020 e déuselle xa ao templo unha protección inmediata e provisional.

A igrexa de Santa Cruz do Incio foi construída entre os anos 1961 e 1963 por un dos máis importantes representantes da nova arquitectura española do século XX. Fernández del Amo realizou outras tres igrexas en Galicia (San Antonio de Padua en Lugo, Santa Mariña en Chantada e Santa María en Baio) e da do Incio era da que estaba máis satisfeito pola singularidade do encargo.

O templo de Santa Cruz foi sometido en 2020 a unhas obras financiadas pola Consellería de Cultura con máis de 130.000 euros, nas que se incluíu a reparación da cuberta, a mellora da sancristía ou a construción dunha escaleira para a torre.

A igrexa de Santa Cruz do Incio, novo Ben de Interese Cultural
comentarios