O IES Xograr gaña un concurso a nivel galego por coidar do medio ambiente

O centro sarriao recibiu como premio oito bicicletas para facer préstamos ao alumnado e unha zona de aparcadoiro

M MS_ISO-AUTO ET-AUTO MF-AUTO WB-AUTO EC-0 4.12.15 2.2.0_20191023-1200
photo_camera Bicis que recibiu o centro como premio, valorado en 4.000 euros. EP

O instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria, que o pasado ano xa foi pioneiro na provincia de Lugo en unirse a un programa europeo de mobilidade sostible, vén de proclamarse gañador a nivel autonómico dun concurso convocado pola entidade Ecovidrio para fomentar a sostibilidade nos centros de ensino. En segunda posición quedou outro centro lugués, o IES Perdouro de Burela.

Alumnado, mestres e persoal de servizos do instituto sarriao participaron dende outubro e ata xuño en senllos retos mensuais para promover o coidado do medio ambiente, dentro do proxecto Xeración Eco. O Xograr obtivo a mellor puntuación entre o centenar de colexios galegos anotados neste concurso, que tamén se desenvolveu en Andalucía e Madrid, sumando en total 478 centros e preto de 275.000 alumnos e alumnas.

Entre outras accións, o instituto presentou ante o Concello varias propostas de mellora do medio ambiente e da mobilidade, tales como a creación dun carril bici. O alumnado fixo tamén unha análise da contaminación por microplásticos no río, repartiu lambetadas nos recreos a cambio de tapóns de plástico que entregou para unha causa solidaria e elaborou xabón con aceite caducado un supermercado local.

Ademais, realizou enquisas para promover o aforro de auga nos fogares, impulsou o consumo de produtos de quilómetro cero, colaborou na limpeza do centro, recolleu lixo na natureza e axudou ao club DhGalicia a acondicionar o monte de Santa Cristina.

Segundo informa o centro, entre as múltiples actividades cóntase tamén a creación dun rap pola sostibilidade e a celebración do día sen ascensores, calculando a súa repercusión no aforro enerxético.

Todo isto permitiu evitar a emisión de 9.281 quilogramos de dióxido de carbono e aforrar 3.222 metros cúbicos de auga.

Como premio, o IES Xograr foi dotado con oito bicicletas para facer préstamos ao alumnado (catro de adultos e catro para rapaces de 12 anos) e cun aparcadoiro con dez prazas para estes vehículos por un valor total de 4.000 euros.

O centro, que recibiu hai anos o distintivo Ecovaledor de Sogama, utilizará este premio para "seguir a impulsar a mobilidade sostible entre os membros de comunidade educativa ao igual que se fixo ao longo dos últimos cursos".