O IES Gregorio Fernández mellora o seu equipamento cun centro de mecanizado

Educación financia cuns 60.000 euros unha máquina «de última xeración», que usarán os alumnos dun dos ciclos con máis saída
Díaz Copa (segundo pola esquerda) e os mestres José Manuel Bello e Luis Hospido, co centro de mecanizado. EP
photo_camera Díaz Copa (segundo pola esquerda) e os mestres José Manuel Bello e Luis Hospido, co centro de mecanizado. EP

O IES Gregorio Fernández de Sarria vén de aumentar o seu equipamento coa incorporación dun moderno centro de mecanizado CNC, cun custo que ronda os 60.000 euros, financiado pola Consellería de Educación.

Segundo explica o director do instituto, Fernando Díaz Copa, trátase dunha máquina de produción en serie "de última xeración" composta por "25 ferramentas que poden actuar ao mesmo tempo" e con capacidade para realizar "ata 10.000 pezas ao día". A modo de exemplo, comenta que pode producir dende pezas dentais ata un brazo dunha pala de pequeno tamaño. "Está preparada tanto para micromecánica como mecánica en xeral", concreta Díaz Copa.

Cun peso duns 5.000 quilos, foi preciso empregar unha grúa para a súa instalación no instituto sarriao, que tivo que agrandar a porta do obradoiro para poder introducir o centro de mecanizado.

Prestará servizo, principalmente, aos alumnos de segundo curso do ciclo de mecanizado, que teñen 18 horas semanais de control numérico por computadora. Esta rama de ensino, que se imparte no Gregorio Fernández dende hai décadas, é unha das que goza de maior saída laboral. Segundo o director, o nivel de inserción do ciclo de mecanizado acada "o 100%" e, cada vez máis, "as empresas grandes necesitan técnicos de CNC".

A incorporación do centro de mecanizado "era un soño" que perseguía este instituto dende hai "tres ou catro anos" dado que, en toda Galicia, apenas se contabilizan "sete", afirma Díaz Copa.

Polo de agora, nove profesores deste centro de ensino sarriao están formándose no emprego da nova máquina, coa que comezarán a traballar uns 14 alumnos despois das festas de Nadal.

Comentarios