A hostalería de Sarria acóllese ás facilidades para instalar as terrazas

Moitos locais solicitaron ampliar a súa zona exterior e algúns colocaron plataformas para deixar libre a beirarrúa

Plataforma habilitada por un bar de Sarria en la vía pública para colocar la terraza sin ocupar la acera. VILA
photo_camera Plataforma habilitada por un bar de Sarria na vía pública para colocar a terraza sen ocupar a beirarrúa. VILA

As facilidades que ofrece o Concello de Sarria para instalar terrazas e paliar deste xeito os efectos do Covid-19 sobre a hostalería están a ter unha boa acollida no sector, de modo que son maioría os establecementos que solicitaron a ampliación dos seus espazos exteriores ou ben a súa colocación por primeira vez. 

Desde hai xa días, a reactivación do sector hostaleiro é patente na vila, onde son moitos os negocios que se adheriron á posibilidade de ampliar as súas terrazas, nalgúns casos aproveitando zonas públicas de estacionamento e noutros co permiso da fachada lindeira. 

Por decreto de alcaldía, a normativa que regula a colocación de mesas exteriores, que data do ano 2012, quedou en suspenso de forma "excepcional" e "temporal". O mesmo sucede coa ordenanza fiscal que establece o prezo público a pagar por este concepto, en vigor desde o ano 2001. 

Desta forma, e con motivo do estado de alarma, as terrazas non abonan taxas pola súa colocación e, aquelas que xa tiñan permiso de 2019, non necesitan tramitar un novo. Si poden pedir a ampliación destas zonas exteriores para poder manter as distancias de seguridade entre mesas intentando que o aforamento do local se vexa afectado o mínimo posible. 

Pola súa banda, os locais que non solicitaran autorización en 2019 para terrazas poden facelo agora cunha tramitación sinxela, e tamén sen pagar taxa. 

Segundo o alcalde, Claudio Garrido, a acollida destas medidas entre o sector hostaleiro está a ser "moi boa" e son numerosas as solicitudes que se reciben no Concello por parte dos bares. 

Nesta situación de crise sanitaria, a administración local sarriá permite aos establecementos situar terrazas en zonas que antes estaban reservadas para aparcadoiro de vehículos. Nestes casos, os propietarios dos negocios deben instalar elementos que garantan a seguridade dos clientes, de modo que exista unha separación da calzada. 

Algúns locais decantáronse por colocar unha plataforma de madeira con valos do mesmo material que exercen como división entre a zona de lecer e a de circulación de vehículos. É o caso do bar D'Orixen, que está a dar os últimos retoques a este sistema para atender por primeira vez en terraza. Segundo explican os seus responsables, a plataforma supúxolles un gasto a maiores, que decidiron afrontar para, deste xeito, dar servizo deixando libre a beirarrúa para os peóns. 

Outros negocios funcionan de momento cuns valos de obra á espera de recibir o material que encargaron (metacrilato ou madeira, segundo os casos) para separar a terraza da calzada. Tamén hai establecementos que colocaron unha alfombra e, a modo de división, unha cinta.

Comentarios