martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

O goberno local nega que os terreos da Feculera estean en chan industrial

A antiga Feculera.
A antiga Feculera.
Asegura que pola súa cualificación non podería instalarse unha empresa neste edificio de Sarria, o cal si serviría para fins culturais e sociais

O goberno local de Sarria nega que os terreos da antiga Feculera sexan chan industrial, como afirma o PP, senón que nas Normas Subsidiarias da Achaiadura figuran como residencial aberto. Polo tanto, sinala que non se podería asentar unha empresa nestas instalacións, que o Concello anunciou que comprará para dedicalas a usos culturais e sociais.

Os populares sosteñen que unha firma do concello estaba interesada en adquirir o inmoble para ampliar o seu negocio e co fin de crear 60 postos de traballo. Camiña Sarria e Galicia Sempre alegan que o Concello "nunca" podería conceder unha licenza municipal de actividade para unha industria nese chan. O terreo nos que se sitúa a Feculera "non é chan industrial nin nunca podería selo", insisten.

O alcalde, Claudio Garrido, está "desde o primeiro momento en contacto» coa firma que, segundo o PP, estaría interesada nas instalacións «para procurar que desenvolva o seu proxecto en Sarria". "Farase todo o posible para iso", apunta. Replica que o goberno "non fai competencia deseal" á empresa por pretender comprar o inmoble, senón que "trata de colaborar" coas industrias para que se instalen no concello.

A Feculera ten unha superficie de 5.000 metros cadrados e o Concello quere destinala a auditorio, locais para asociacións e outra zona para gardar maquinaria municipal. A construción podería dedicarse a estes fins, pois no chan urbano residencial aberto "cabe o uso dotacional en todos os graos", defenden Camiña Sarria e Galicia Sempre.

As instalacións sitúanse na Estación e o proxecto busca "ser un referente na provincia" e "recuperar antigas edificacións industriais sen posible uso» para fins dotacionais e  revalorizando a contorna". Deste xeito, revitalízase" o barrio da Estación e o de San Lázaro, os cales foron "abandonados por gobernantes como José Antonio García", din. Acusan a este de nunca "mover un dedo" para axudar ao desenvolvemento da zona e de nin "sequera coñecer" a cualificación urbanística deste espazo.

DONACIÓN. Os populares consideran unha "fraude de lei" que o Concello adquira a construción co diñeiro obtido da venda do piso de Madrid doado por José Sánchez Arias, polo cal a administración local ingresou 355.000 euros. O goberno sostén que falou previamente coa familia e que os fondos se dedican a fins culturais, tal e como dispuxo o doante no testamento.

A compra do inmoble realizarase, insiste, "cumprindo todos os requisitos legais", xa que "existen uns funcionarios públicos que velan polo cumprimento da lei e garánteno".

O PP ameaza con ir ao xulgado por este asunto e Camiña Sarria e Galicia Sempre anímano a acudir. "Como sempre anuncian que acudirán aos tribunais e non van, esta é unha gran ocasión para que se estreen", opinan.

Acusan ao PP de oporse a calquera iniciativa que beneficie a Sarria e "non reporte rédito político para eles", como a apertura da piscina e Ponche Ribeira, ou a creación dun auditorio na Feculera. Por iso, invitan os veciños a reflexionar "acerca de se co seu voto van favorecer" nas próximas eleccións a un partido que "trata de impedir o desenvolvemento" do municipio, conclúen.

O goberno local nega que os terreos da Feculera estean en chan...