A Garda Civil detén a unha persoa por vender droga no Alto do Cesar

Os axentes incautáronlle varios gramos de marihuana, haxix e cocaína, unha báscula e 600 euros

Os axentes da Garda Civil de Sarria detiveron a unha persoa por presuntamente vender drogas durante as festas dos Remedios, no Alto do Cesar, no municipio sarrián.

O arresto produciuse sobre a medianoite do sábado e o detido portaba tres tipos de sustancias (cocaína, haxix e marihuana). Ao parecer, os axentes apresárono cando supostamente facía unha venda e tiña a droga partida. Portaba unha báscula e 600 euros.

A Garda Civil incautoulle, ademais, dous medios gramos de cocaína, tres pequenas bolsas con marihuana nas que levaba tres, seis e sete gramos, e entre catro e cinco gramos de haxix.

O detido, que está acusado de tráfico de drogas, pasará ao longo da xornada de hoxe a disposición do xulgado de primeira instancia e instrución de Sarria.

PELEXA. Doutra banda, foi presentada unha denuncia na Garda Civil por unha pelexa durante as festas dos Remedios, incidente que terminou cunha persoa ferida. Esta sufriu un desvío de tabique nasal.

Os axentes tamén tiveron que intervir na madrugada do domingo por unha pelexa na Rúa Calvo Sotelo da vila sarriá, na zona da Estación, aínda que, ao parecer, neste caso non se interpuxo denuncia

Comentarios