O festival A Verbena cumpre expectativas na súa terceira edición

Unhas 350 persoas gozaron dunha cita gastronómica e musical que contou coa actuación de cinco bandas
photo_camera Público no concerto dos sarriáns Sound Sisters. S.IGLESIA

A terceira edición do festival A Verbena, celebrado este pasado sábado na terraza do Meigallo, na área recreativa do Chanto, cumpriu coas expectativas e consolídase como cita ineludible no calendario festivo de Sarria.

Unhas 350 persoas gozaron dunha xornada na que a música e a gastronomía foron as protagonistas. Para iso, habilitáronse casetas de produtos típicos, como queixo ou embutidos, ademais de contar con varias paellas, polbo e manxares elaborados polo Meigallo, establecemento organizador do evento xunto á cervexería Adarve.

O formato do festival adaptouse á situación sanitaria, polo que cada grupo de asistentes contou cunha mesa asignada e respectouse o protocolo covid, con obrigación de portar máscara e un estrito control de aforamentos, entre outras medidas.

Así mesmo, ao escenario preparado para a ocasión subíronse artistas da talla de Sound Sisters, banda sarriá que abriu a quenda de concertos para amenizar a sesión vermú. Xa pola tarde, foi a quenda de Zålomon Grass, The Soul Jacket, Los Deltonos e Aurora & The Betrayers, cuxa actuación deu paso ao peche a cargo de Lois & Nowelin.

Os organizadores, que se mostraron "moi contentos" con esta edición, confían en darlle unha longa vida a este festival.

Comentarios